O porto deportivo de Sanxenxo, sen amarres libres para Semana Santa
Por Redacción
Todos os amarres reservados ao tráfico de tránsito no porto deportivo de Sanxenxo, preto dunha vintena, xa están ocupados para a Semana Santa.
As primeiras embarcacións comezaron xa a entrar o pasado venres na rada e a previsión é manter cheas todas as prazas ata o vindeiro luns.
A empresa municipal que xestiona o porto, Nauta Sanxenxo, continúa percibindo o interese crecente polo alugueiro de amarres para todo o ano, especialmente de barcos de eslora de máis de 18 metros, é dicir, iates xa dunha certa envergadura e tamaño.
A pesar diso, seguen sendo máis numerosos os alugueiros de barcos con ata 12 e 15 metros.
O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional total de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil.
Aos amarres correspondentes ao alugueiro e os que son de carácter anual fixo, súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións.
En canto aos ingresos, Nauta Sanxenxo obtivo unha facturación de 2.020.527 euros en 2022 distintos conceptos como mantemento prazas de amarre, tránsitos, combustible, aparcadoiro, guindastre ou varadoiro, entre outros.
A actual concesión de Portos de Galicia vence no 2027 e a súa ampliación ata 2047 permitirá consolidar o porto sanxenxino como un referente na entrada da ría de Pontevedra.
Esta prórroga da concesión está vinculada a unha serie de proxectos que redundarán na mellora da fachada marítima de Sanxenxo, como son o proxecto Batea en Terra e a reordenación da lámina de auga, que non supoñerán custo algún para as arcas municipais.
Relacionadas:
-
O porto deportivo de Sanxenxo colga o cartel de completo para xullo e agosto
Por Redacción |
-
A reconversión do ámbito portuario nunha 'batea en terra' comezará tras a Semana Santa
Por Redacción |
-
O porto deportivo Juan Carlos I aumenta a súa actividade coa estancia de máis de 450 embarcacións en 2022
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A ampliación da concesión do porto ata 2047 desbloquea a 'Batea en terra'
Por Redacción |