O porto deportivo de Sanxenxo colga o cartel de completo para xullo e agosto
Por Redacción
O porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo está completo estes días e tivo tamén altos índices de ocupación durante os últimos meses. Segundo o balance facilitado este luns polo Concello, nos primeiros seis meses do ano rexistrou un incremento do 60% dos tránsitos con respecto a 2022 e un 23% en relación con 2019.
Durante o primeiro semestre, un total de 123 embarcacións recalaron nos pantaláns das instalacións municipais chegados de distintas partes do mundo. Chegaron a Sanxenxo barcos con ata 14 bandeiras diferentes.
A española é a insignia máis numerosa, con 59 barcos, seguida de Irlanda (15), Alemaña (10), Suecia (8), Francia (8), Países Baixos (8), Portugal (4), Reino Unido (3), Finlandia (2), Austria (2), Suíza (1), Dinamarca (1), Italia (1) e Noruega (1).
Durante os seis primeiros meses, chegaron 84 veleiros e 39 embarcacións a motor.
Nauta Sanxenxo detecta un incremento de naves con esloras superiores aos 12 metros, co 57% do tráfico. As de ata 15 metros son as máis numerosas (47).
A esta actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen Sanxenxo como porto base e que manteñen o seu amarre durante todo o ano.
VERÁN COMPLETO
O porto deportivo Juan Carlos I xa colgou o cartel de completo para os meses de xullo e agosto desde abril con estancias superiores aos 15 días. Tamén os amarres para as motos de auga están ao 100% nestes momentos.
A entidade acaba de ampliar a súa concesión ata 2047 vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, o máis importante o de Batea en Terra, cuxa primeira fase está en plena execución.
Relacionadas:
-
O porto deportivo de Sanxenxo recibiu no que vai de ano 452 embarcacións, tantas como en todo 2022
Por Redacción |
-
As obras da "Batea en terra" mantéñense durante o verán
Por Redacción |
-
O parking de Nauta recada máis de 53.600 euros, o mellor mes de xuño desde a súa apertura
Por Redacción |
-
Sanxenxo volve liderar as praias con bandeira azul de Galicia, a terceira rexión con máis distintivos
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo, sen amarres libres para Semana Santa
Por Redacción |