"Apoio a Telmo porque somos amigos e, sobre todo, porque creo que é un magnífico alcalde para Sanxenxo"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O ex presidente do Goberno Mariano Rajoy apadriñou este sábado a nova senda fluvial da parroquia de Dorrón recentemente estreada polo Concello de Sanxenxo e, de paso, ao alcaldable do PP para as próximas eleccións municipais do 28 de maio, Telmo Martín. Xuntando a súa afección polas camiñadas e a política, o antigo mandatario percorreu en compañía do alcalde o novo roteiro de sendeirismo e aproveitou para darlle o seu apoio na reelección.
"Eu apoio a Telmo porque o coñezo desde hai moitísimo tempo, porque somos amigos, porque eu vivo en Sanxenxo e, sobre todo, porque creo que é un magnífico alcalde para Sanxenxo", profundou Mariano Rajoy durante un alto no camiño mentres percorría esta senda para atender aos medios de comunicación.
Acompañado por varios membros da candidatura do PP e polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, habitual compañeiro de camiñadas cando se atopa nas Rías Baixas, Rajoy eloxiou tanto o traballo de Martín como alcalde como este roteiro.
Así, lembrou que leva máis de 50 anos veraneando en Sanxenxo, onde é propietario dun piso en primeira liña da praia de Silgar, e que considera "incrible" a cantidade de tempo que Telmo Martín dedica á Alcaldía. "Está encima de absolutamente todo" e a Rajoy parécelle "xusto" que a xente que xa lle deu a súa confianza noutras ocasións "volva darlla agora" .
O ex presidente do Goberno indicou que "se isto serve como un apoio, pois estou moi orgulloso de apoialo", en alusión a este acto de precampaña do PP. Ademais, lembrou que lle gustan "moito as camiñadas" e, con esta de Dorrón, "Telmo vai competir agora con outros roteiros moi bonitos que tamén hai en Galicia".
Telmo Martín, pola súa banda, quixo agradecer a súa presenza e apoio a Rajoy, "unha persoa que, habitualmente, cando pode, vén pasar uns días aquí". Para el, é "unha persoa que é moi querida por min", ademais de "un apoio moi importante" e "un apoio sempre, aquí e en todas os sitios nos que estiven".
Dado que "é unha persoa á que lle gusta camiñar", quixo ensinarlle esta senda de 3,6 quilómetros que pasa por "un dos vales máis bonitos de Galicia" nun acto que contextualiza na súa intención de desestacionalizar o turismo de Sanxenxo, na que levan tempo traballando. "Non somos soamente sol e praia", insistiu.
Relacionadas:
-
Sanxenxo sitúase entre os 50 municipios de máis peso turístico de España
Por Redacción |
-
Avanzan as obras en Camiño da Fontiña coa retirada da vella pavimentación
Por Redacción |
-
Rajoy, sobre o emérito: "Non hai ningunha razón para que sempre que veña alguén se empeñe en montar o espectáculo"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Dorrón estrea novo roteiro de sendeirismo
Por Redacción |