Turismo Rías Baixas amosa en Bilbao as potencialidades do destino
Por Redacción
Despois dunha ponte de maio cuns excelentes resultados de ocupación turística na provincia, que rozou o 80% e nalgunhas zonas acadou o 90%, e diante das previsións que anticipan "un verán espectacular”, a Deputación continúa a intensificar o traballo en materia de promoción do destino Pontevedra Provincia e está a mostrar esta fin de semana toda a súa potencialidade na 43 edición da recoñecida feira Expovacacións, que se celebra no Exhibition Center de Bilbao.
A delegación provincial, coa deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, dispón dun stand de 35 metros cadrados no que desde este venres está a presentar os recursos da campaña Orixe, que busca posicionar ao destino como o lugar idóneo no que vivir experiencias a través de eventos como festas de interese turístico internacional, ademais de visitar lugares únicos relacionados coa cultura e o patrimonio.
Expovacaciones é unha das feiras de turismo familiar máis importantes do estado e vai dirixida principalmente ao público finalista, "a xente que está a tomar a decisión de onde vai pasar as súas vacacións”, amais de organizacións de viaxes en grupo.
Ao través de Turismo Rías Baixas, a Deputación conta cunha zona expositiva, un photocall e zona de información sobre o destino e sobre a campaña actual de promoción, así como cunha pantalla na que as persoas visitantes están a ver o impactante audiovisual de Orixe, ou a avatar da Madama de Cobres que está a animar á xente a visitar Rías Baixas.
O stand dispón tamén dun photocall, que está a ser moi utilizado polo público de Bilbao, que ofrece tres escenarios distintos con fotografías en gran formato: da Rapa das Bestas, da Romaría Viquinga ou das Herbas de San Xoán.
Igualmente incorpora o atrezzo necesario para que os visitantes poidan caracterizarse no ambiente da imaxe que corresponda. Na promoción tamén se está dar información ao público vasco da oferta dos castelos musealizados de Soutomaior e Sobroso.
Relacionadas:
-
Novo premio para unha campaña de Turismo Rías Baixas, esta vez en Cannes
Por Redacción |
-
En xullo se lanzará o Bono Xove Xacobeo, con descontos para a mocidade que faga o Camiño
Por Oskar Viéitez |
-
Reunión entre o Concello e hostaleiros para perfilar a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Redacción |
-
Sanxenxo volve liderar as praias con bandeira azul de Galicia, a terceira rexión con máis distintivos
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea a súa nova caseta de Turismo diante das Ruínas de San Domingos
Por Redacción |