Novo premio para unha campaña de Turismo Rías Baixas, esta vez en Cannes

Por Redacción
Orixe Rías Baixas, o audiovisual de promoción turística da provincia impulsado pola Deputación de Pontevedra, suma un novo recoñecemento internacional coa concesión dun golfiño de ouro na categoría de produto turístico dos Cannes Corporate Media & TV Awards 2023.
O fallo deuse a coñecer a noite do xoves 28 de setembro, nunha gala celebrada no Boulevard de la Croisette da cidade francesa de Cannes.
Esta é a primeira vez que un vídeo promocional da Deputación de Pontevedra logra competir neste prestixioso certame.
O xurado do festival, formado por 70 profesionais da industria, dotou a peza de Turismo Rías Baixas do máximo recoñecemento na categoría onde competía, sendo seleccionada entre un total de 200 finalistas –das cales 130 obtiveron algún premio- e preto de 900 candidaturas chegadas desde 45 países de todo o mundo.
Deste xeito, o xurado situou o audiovisual de promoción da provincia ao mesmo nivel que unha campaña suíza, coa que comparte distinción, protagonizada entre outros pola actriz gañadora dun Oscar Anne Hathaway.
O audiovisual turístico da provincia de Pontevedra, elaborado pola produtora Esmerarte Industrias Creativas, conta na actualidade con dous galardóns, xa que anteriormente recibiu un premio de prata na categoría Online & Social Media dos US International Awards.
A campaña de promoción turística impulsada pola Deputación este ano baséase no patrimonio inmaterial e está contada a modo dunha viaxe que realiza a actriz Julia de Castro á provincia.
O vídeo supón unha declaración do orgullo polo legado de Pontevedra e a súa reinterpretación desde a modernidade, dando valor ás persoas encargadas de manter e transmitir os valores intanxibles do destino. As tradicións, a identidade, as raíces, a artesanía ou as festas son algúns dos recursos protagonistas da campaña.
Relacionadas:
-
O destino Rías Baixas, de promoción na feira World Travel Market Events de Londres
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas amosa en Bilbao as potencialidades do destino
Por Redacción |
-
As Rías Baixas 'conquistan' o Metro de Madrid
Por Redacción |
-
FITUR absorbe o orgullo da provincia de Pontevedra con 'Orixe Rías Baixas'
Por Redacción |
-
A artesanía e o téxtil da provincia 'vestirán' a presentación de Orixe Rías Baixas en FITUR
Por Redacción |
-
Rías Baixas apela á súa orixe e ás súas raíces para "emocionar e sorprender" en FITUR 2023
Por Alejandro Espiño |