O Festival O Son do Camiño, a piques de dar o disparo de saída
O festival situado en Santiago de Compostela, a maior cita musical do ano en Galicia e unha das máis importantes en toda España, terá lugar os días 15, 16 e 17 de xuño e conta con grandes nomes no seu cartel como Duki, Aitana, Bizarrap, Vetusta Morla, Alt-J, Royal Blood, Leiva, Maluma, The Kooks ou Xoel López entre os máis de 40 artistas internacionais que actuarán no evento.
Os abonos de tres días para o festival esgotáronse en cuestión de horas pero aínda é posible atopar entradas diarias para xoves e venres.
ZONA DE DESCANSO E GLAMPING
O Son do Camiño conta cunha Zona de Descanso onde os asistentes ao festival que reservasen o seu oco poderán montar as súas tendas de campaña e o Glamping, que ofrece todas as comodidades dunha tenda de campaña xa montada con colchón ou colchóns inchables, roupa de cama e almorzo buffet en dúas das modalidades nas que se pode contratar o servizo.
CASHLESS, OPCIÓN DE PAGO SOSTIBLE
Desde a organización de O Son do Camiño buscan ofrecer unha opción sostible e responsable coa natureza para realizar pagos dentro do recinto.
Este ano chega o Cashless como única modalidade de pago mediante unha tarxeta que vai unida á pulseira do festival de cada persoa, sendo esta recargable durante o festival e recibindo unha promoción do 10% extra sobre a recarga de ata 200€ se o fas antes do 8 de xuño ás 12:00.
ACCESOS AO RECINTO
E como se chega ata o recinto? Para facilitar o transporte ata a zona onde ten lugar o festival, O Son do Camiño ofrece tres lanzadeiras de buses que traballarán durante todos os días do evento e combinaranse coas liñas 6 e 7 dos autobuses urbanos da cidade.
Ademais, se o teu traslado ata a cidade é en vehículo propio, atoparás estas lanzadeiras preto dalgúns dos aparcamentos estratéxicos.
Se pola contra o teu traslado foi en transporte público, a lanzadeira E2 será a mellor opción. Por último, existe unha parada de taxis establecida en específico para o evento facilitando así o seu uso e fomentando as condutas responsables coa condución.
Para coñecer un pouco máis de O Son do Camiño, mira o anuncio, o vídeo resumen da pasada edición ou escoita a Playlist Oficial en Spotify.
O Son Do Camiño é un festival creado para Galicia desde Galicia. Promovido por dúas empresas galegas como son Esmerarte Industrias Creativas e Bring The Noise, conta co apoio activo de Xunta de Galicia e o Xacobeo. Unha iniciativa que sitúa a Santiago como unha das capitais da música en directo en toda Europa cada mes de xuño desde 2018.