Importantes chefs galegos darán clases maxistrais ao alumnado do colexio de Campolongo
Por Redacción
O alumnado do Colexio de Campolongo irá estes días a clase con mandil, gorro de cociñeiro e un táper nunha nova edición das xornadas gastronómicas "Horta Chef".
Dende a Asociación de Nais e Pais San Xosé do Colexio de Campolongo organizan este mes de xuño unhas xornadas gastronómicas con "Chefs" como Francesco Iannelli, Yayo da Porta, Carlos Barreira, Cristina Doporto, Alexis de Lope, Alberto Sobral e Marcos Romero.
Todos eles, de forma desinteresada, achegaranse a esta escola para darlles unha "clase maxistral" a todo o alumnado do CEP Campolongo.
Comeza a actividade este luns con Carlos Barreira do Restaurante Bocarte ao alumnado de 1ºcurso e o martes 13 será Francesco Iannelli do Restaurante Il Piccolo ao alumnado de 6º curso.
Para o mércores 14 está prevista a visita de Yayo da Porta do Restaurante Yayo da Porta ao alumnado de 2º curso e o xoves 15 a clase correrá por conta de Cristina Doporto e Alexis de Lope da Escola de Hostalería "Carlos Oroza" ao alumnado de 5º, e tamén de Alberto Sobral do Restaurante "Caralludo By Chuchy" ao alumnado de 4º.
Pechará esta actividade o vindeiro luns 19 Marcos Romero do Restaurante "Mar De Fóra" cunha clase para o alumnado de 3º.