Un 'horta chef' para que o alumnado de Campolongo coma saudable e "colla o gusto pola cociña"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Esta recta final do curso académico está a ser diferente no CEP Campolongo de Pontevedra. Durante esta semana e principios da próxima, o alumnado está a recibir visitas moi especiais, de cociñeiros recoñecidos que comparten con eles os seus coñecementos e os segredos da súa cociña. Baixo o nome 'Horta Chef', a actividade busca un dobre obxectivo: fomentar a alimentación saudable e "que coñezan un chef de renome e que collan o gusto pola cociña".
Este luns, o 'Horta Chef' inaugurouno Carlos Barreira, do Restaurante Bocarte de Pontevedra, que traballou por grupos cos tres cursos de primeiro curso de primaria do colexio e elaborou con eles un sándwich con verduras e alimentos saudables.
Os rapaces amosáronse "moi implicados" na clase maxistral e na súa propia experimentación cos ingredientes. "Elixiron os ingredientes que lles gustaban" entre unha ampla variedade que levou o propio cociñeiro e, vestidos con mandil e gorro, foron poñendo sobre o pan rábanos, humus, verduras, salsas... todo ao seu gusto.
Leituga, xamón e cebola foi o que meteu no seu sándwich Miguel, un neno de sete anos que "ás veces" cociña na súa casa pero é a primeira vez que prepara el mesmo un elaboración destas características.
Manuel, de seis anos, é máis afeccionado á cociña e na casa adoita facer, coa súa familia, bocadillos ou mesmo polbo, un prato que pode parecer complicado para a súa idade, pero que para el "non moito".
Aínda que moitos dos ingredientes a priori non lles gustaban, a experiencia tamén lles serviu para probar produtos novos e "familiarizarse coas verduras", segundo relatou Carlos Barreira. Estiveron, en todo momento, "súper atentos" e participativos con esta actividade que busca que collan o gusto pola alimentación saudable e "saír dos ultraprocesados", que "vexan que é importante".
Este 'Horta Chef' organízao a Asociación de Nais e Pais San Xosé do CEP Campolongo dentro dun proxecto máis global, a 'Horta Viaxeira', na que as familias levan para a súa casa unha mochila con aparellos para encargarse da horta urbana que teñen na zona do río dos Gafos e, desta maneira, familiarízanse cos procesos de cultivo.
Mária Rodríguez, secretaria da asociación, supervisa a actividade e explicou que cada cociñeiro elixe o prato a elaborar e adoita levar "o 90% do material", aínda que a Anpa colabora tamén, e que o resultado achégalle á asociación e ao alumnado, "sobre todo, satisfacción".
As xornadas gastronómicas, que puideron retomarse este ano despois do parón da pandemia, levarán durante esta semana a Campolongo a profesionais da cociña como Yayo Daporta (restaurante Yayo Daporta), Francisco Iannelli (Il Piccolo), Alberto Sobral (Caralludo By Chuchy), Marcos Romero (Mar de Fóra), Cristina Doporto e Alexis Lope da Escola de Hostalería Carlos Oroza, todos eles de forma altruísta.