O naufraxio do Nuevo Marcos, ante o xuíz tras seis anos sen rastro de indemnizacións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O naufraxio do pesqueiro 'Nuevo Marcos' o 26 de abril de 2017 a media milla do porto de Combarro tras chocar contra unha batea chegou este xoves a xuízo, seis anos despois, pero non pola vía penal para determinar o que ocorreu con este accidente no que morreron tres persoas, senón pola vía social, por unha reclamación de cantidades por parte dos dous sobreviventes e as familias de dous dos falecidos, que, seis anos despois, non cobraron nada.
No Nuevo Marcos ían a noite do naufraxio o patrón, Francisco Castiñeira Sabarís (falecido); e os tripulantes Jesús Ligero Abilleira (falecido) e o seu fillo, Adrián Ligero (sobrevivente), e Florentino Carballa Viña (falecido) e o seu fillo, Carlos Carballa Rosales (sobreviventes). Estes dous últimos non estaban dados de alta como traballadores na Seguridade Social e o barco carecía de seguro de responsabilidade civil.
O Xulgado do Social número 1 de Pontevedra deixou o xuízo visto para sentenza tras revisar a causa, na que Carlos Carballa e Adrián Ligero e as súas nais e irmáns (como viúvas e orfos dos seus pais falecidos) reclaman unha indemnización total de 700.000 euros, calculada en base ao baremo utilizado nos accidentes de tráfico.
Tras o accidente, a Fiscalía abriu unha investigación que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e a sección cuarta da Audiencia Provincial arquivaron, de modo que as vítimas optaron por recorrer á vía social. En canto ao armador e a familia do patrón falecido, teñen en trámite unha demanda contencioso-administrativa no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra Portos de Galicia e a Xunta de Galicia.
Ademais, a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) do Ministerio de Fomento investigou o ocorrido e concluíu que a ausencia de balizamento dos límites da zona de bateas coa que chocou o buque, "contribuíu obxectivamente a que se producise a colisión".
Os demandantes reclaman que o patrón e a súa nai como herdeira e o armador (o seu pai) deben ser os que abonen as cantidades reclamadas e, dado que non había seguro de responsabilidade civil no barco, tamén Mapfre como compañía aseguradora do casco do buque.
A parte demandada discute a demanda e considera controvertidos varios aspectos, entre eles, considera que o Xulgado do Social non é o órgano competente para xulgar esta causa, que os responsables das indemnizacións deben ser Portos de Galicia e a Xunta pola falta de balizamento da batea, non eles.
Tamén aseguran os demandados que Carlos Carballa e o seu pai non eran traballadores do barco, non estaban dados de alta e tampouco traballando. "No existe relación contractual" e "no hay ningún delito contra los derechos de los trabajadores", insiste.
A avogada dos demandantes mostrouse especialmente contrariada por esa afirmación, pois insiste en que "eran marineros, no estaban a las cuatro de la mañana paseando en yate". Ademais, o pai de Carlos, falecido, tiña traxe de augas amarelo para faenar.
"Entendemos que estaban trabajando, no estaba en un buque de recreo, estaba en un buque pesquero", relatou e engadiu tamén que "no salieron a pasear, salieron a faenar" e "no eran un grupo de amigos ni tampoco ni una cooperativa de pescadores".
Tamén a avogada dos demandantes discrepa coa CIAIM en que toda a tripulación teña responsabilidade, senón que o responsable é o patrón, que "no actuó ni antes ni después con un mínimo de diligencia".
Os tripulantes "iban trabajando bajo las órdenes del patrón" e el foi o que navegou a gran velocidade, oito nós, a máxima permitida nesa zona, chocou contra unha batea que "lleva toda la vida en la Ría de Pontevedra" e logo non se detivo, senón que continuou a toda velocidade a pesar de chocar para chegar a porto e "evitar que las autoridades descubriesen" que había dous mariñeiros sen seguro e estaba nunha zona onde tiña prohibido faenar.
Relacionadas:
-
O Consello de Administración aproba as contas anuais da Autoridade Portuaria
Por Redacción |
-
VÍDEO.-"Eu tívenme que afastar do meu pai pedíndome axuda e é duro que aínda encima nos traten a nós como culpables"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Decretan o arquivo da investigación do accidente do Nuevo Marcos
Por Redacción |
-
A falta de balizas dun polígono de bateas "contribuíu obxectivamente" ao naufraxio do Nuevo Marcos
Por Natalia Puga |