VÍDEO.-"Eu tívenme que afastar do meu pai pedíndome axuda e é duro que aínda encima nos traten a nós como culpables"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Con bágoas e rabia nos ollos e sen poder ocultar o seu enfado e frustración. Así saíron este xoves Carlos Carballa e Adrián Ligero do edificio xudicial da Parda. No interior, o Xulgado do Social número 1 de Pontevedra deixaba visto para sentenza o xuízo polo que levaban esperando seis anos, desde que o buque Nuevo Marcos naufragou na Ría de Pontevedra deixándoos a ambos os orfos e marcados para sempre. Perderon aos seus pais e eles mesmos ían no barco afundido.
Nestes anos, arquivouse a causa penal polo naufraxio e a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) do Ministerio de Fomento concluíu que eles, como tripulantes, tamén tiveron responsabilidade no fatal desenlace no que, tras chocar cunha batea, o buque afundiu e morreron os seus pais e o patrón.
Ata o de agora, non cobraron nin eles nin a súa familia ningunha indemnización e acabaron neste xuízo reclamando 700.000 euros aos pais do patrón, en calidade de armador e herdeira do falecido. Este xoves, tras escoitar en sala que a Carlos e ao seu pai o armador nin sequera os recoñece como traballadores e que todo foi culpa dunha batea non balizada, os nervios e a rabia puideron con eles.
Fóra do edificio xudicial, e por momentos interrompido polas bágoas, Carlos trasladou esa frustración. "O que non entendemos é que se lle siga botando a culpa a unha batea que non está balizada cando se coñece perfectamente a zona", explicou, e engadiu que o que conleva ao "fatal desenlace" é "o posterior ao accidente contra a batea".
Así, critica que o patrón non revisou como estaba o buque tras chocar coa batea nin tampouco comprobou como estaba a tripulación nin realizou ningún tipo de chamada de emerxencia.
A tripulación quedou na auga e Carlos nadou aproximadamente durante unha hora cara á costa en busca de axuda. Antes, pedíralle ao patrón que amarrase o buque á batea ou que pulsase o botón de estrés, pero "non se me fai caso".
Con 22 anos e con apenas experiencia no mar, a situación marcoulle. Estaba a durmir, espertouse coa colisión e empezou a entrarlle auga no seu camarote, pero o patrón non lle axudou, senón que tivo que ser Adrián Ligero. "Non é o patrón, o patrón en ningún momento vela pola miña seguridade nin pola seguridade dos tripulantes", insiste.
Tras negarse a activar a chamada de emerxencia, continuou a marcha "sen ver se alguén está ferido e necesita algún tipo de axuda". A súa intención, segundo Carlos, era "chegar a porto sen avisar a ninguén porque sabía que tiña a dúas persoas sen asegurar e que estaba nunha zona prohibida para pescar ese tipo de arte".
Tamén se mostra molesto porque o seu pai e el non estaban asegurados e no xuízo non se lles recoñeceu como traballadores. "Estabamos alí parece ser que nunha embarcación de recreo", ironizou, e criticou que a empresa non só non os deu de alta cando estaban a traballar senón que tampouco contratou un seguro de responsabilidade civil.
Carlos Carballa fai un chamamento a todas as autoridades para que os escoiten "porque o que aquí pasou é bastante grave e o que se está facendo connosco é moi inxusto".
"Eu tívenme que afastar do meu pai pedíndome axuda. Para min iso vaime a quedar marcado para toda a vida. Bastante culpable sentinme no seu momento. Bastante culpable sen ter culpabilidade ningunha por non chegar a tempo para poder salvar a vida o meu pai", rememora.
É "moi duro" para el o vivido e "é duro que aínda por encima se nos trate a nós como culpables cando nós realmente non temos culpabilidade porque nun barco é o patrón ou capitán o que ordena e ditamina cales son as actuacións para levar a cabo nun caso como leste".
No seu caso, ademais, lembra que se botou ao auga rumbo á beira con intención de "socorrelos a todos", de "protexer a miña vida e á vez protexer as vidas que deixara alí, os meus compañeiros e o meu pai". Pregúntase, ademais, que pasaría se el non chegase a terra para pedir axuda. "Quen ía saber que estabamos alí? Iamos morrer todos?".
Nestes momentos, seis anos despois, piden "Xustiza e que os responsables paguen polos feitos acaecidos". "O único que pretendemos é que se nos escoite, que non somos culpables, que somos vítimas", conclúe.
Relacionadas:
-
O naufraxio do Nuevo Marcos, ante o xuíz tras seis anos sen rastro de indemnizacións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Decretan o arquivo da investigación do accidente do Nuevo Marcos
Por Redacción |
-
A falta de balizas dun polígono de bateas "contribuíu obxectivamente" ao naufraxio do Nuevo Marcos
Por Natalia Puga |
-
Naufraxio en Combarrro
Por Oskar Viéitez |