A suba dos prezos da enerxía eléctrica e a falta de axudas públicas, causas do peche do Budo
Por Anxo Lourido
"Libráronse varias batallas durante estes 32 anos, pero esta última a da Covid provocou danos difíciles de recuperar", así comeza o comunicado que o xerente do ximnasio Budo, Santiago Durán, emitiu este luns para explicar as causas do peche previsto das instalacións o vindeiro 30 de xuño.
Explica que esta situación derivada da pandemia afectou a moitos ximnasios nacionais, especialmente os grandes que contan con piscina, como é o caso do Budo. "As axudas públicas foron moi escasas, apenas cubriron o 20% das perdidas. A isto súmase o encarecemento das meterias primas, especialmente as enerxías (electricidade - pellets) que se duplicaron. No capítulo das axudas non todos tivemos a mesma sorte, xa que os centros deportivos públicos se salvaron grazas aos apoios dos concellos correspondentes; mentres o sector privado tivo que enfrontarse só cos seus medios", argumenta.
O principal responsable do ximnasio agradece a "todos os pontevedreses pola confianza demostrada durante estes 32 anos. Xuntos compartimos grandes logros, grazas á vosa constancia e o voso afán de superación. Foi un luxo contar coa vosa presenza e a vosa confianza".
Santiago Durán Soto lembra que o Budo naceu en Vigo en 1976 cando o actual xerente era o primeiro galego cinto negro e adestrador de Taekwondo. A partir de aí fóronse incorporando deportes como o aerobic, que levou a abrir tres centros máis en tres anos.
"A insistente suxerencia de amigos que coñecían as circunstancias de Pontevedra, fixo que se expuxese abrir nesta praza. Así en 1991 tras ler o anuncio tomou a decisión de alugar unha nave nas proximidades das estacións de tren e autobuses, zona que por entón era as aforas de Pontevedra, sen edificios aos lados, só vexetación frondosa e espesa. En 1991 abrimos con gran ilusión despois de reconverter unha nave ruinosa nun Centro deportivo de primeiro nivel naquela época, pasando a ser catalogados como o mellor de Galicia do sector privado", sinala no comunicado.
Por último, o responsable do ximnasio Budo deixa unha porta aberta á posibilidade de continuar: "aínda non perdemos as esperanzas de que algún pontevedrés investidor queira dar continuidade a BUDO nesta ou outra localización". O centro deportivo situado na Rúa de Estación, actualmente traballan 35 monitores e o número de persoas asociadas que practicaban deportes nestas instalacións ascendía a 2.400.