O BNG pide á implicación masiva da mocidade o 23X "a favor dunha Galiza sen a precariedade e a emigración que deixa o PP"
Por Oskar Viéitez
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo este sábado un chamamento dende Pontevedra para que a xente moza se mobilice masivamente o 23X "apoiando ao BNG para loitar tamén desde Madrid por unha Galiza na que a mocidade poida vivir e traballar fronte á precariedade e a emigración que deixa o PP neste País".
Pontón lanzou esta mensaxe durante un acto con xente moza no Campillo de Santa María, no que tamén participaron a cabeza de lista por esa provincia, Carme da Silva e o candidato por Lugo, Daniel Castro.
A líder nacionalista apelou ao "orgullo de ser galegos e galegas" e pediu a mobilización da xuventude "ao longo e ancho do País", "para encher as urnas" coa papeleta do BNG para que ese "grupo forte" loite no Congreso por unha Galicia "tolerante e inclusiva que rexeita o discurso do odio e da intolerancia que medra da man dunha dereita cada vez máis ultra e dunha extrema dereita racista, machista, xenófoba e profundamente antigalega".
A candidata por Pontevedra Carme da Silva destacou que "para o BNG a mocidade non é un simple caladoiro de votos, senón parte activa do cambio", ao tempo que fixo un chamamento a cambiar a idea de que a xente nova é só futuro. "É o presente do país", recalcou.
En materia de educación Da Silva defendeu a transferencia da xestión das bolsas para a súa xestión directa desde Galicia. No que se refire á vivenda, avogou por "unha acción pública contundente" que "neutralice a especulación do mercado" e reclamou o traspaso dos inmobles da Sareb para incorporalos a unha bolsa pública de alugueiro.
O emprego foi o terceiro bloque no que incidiu Da Silva, que anticipou que o Bloque defenderá en Madrid axudas directas para a incorporación ao sector primario, e actuacións para o retorno da xente moza emigrada, en particular para recuperar "o talento científico e investigador emigrado".
Relacionadas:
-
Carme da Silva propón frear o "timo verde" dos proxectos eólicos cun grupo galego forte no Congreso
Por Redacción |
-
Da Silva apela a votar "coa cabeza e o corazón" para acabar coa discriminación a Galicia
Por Redacción |
-
Ana Pontón, do BNG: "a nosa papeleta vale para dar peso a Galiza e para frear a extrema dereita coa que se alía o PP"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O BNG preséntase como dique de contención contra a dereita, que, "de ganchete con Vox", pretende "borrar as mulleres"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Agora si, comezou a campaña electoral do 23X
Por Oskar Viéitez |