23J | "Profundamente satisfeitos" no PSOE: "Estamos en condicións de seguir construíndo un país de dereitos e liberdades"
Por Natalia Puga
"Profundamente satisfeita" mostrouse na noite deste domingo Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra e secretaria local do PSOE pontevedrés, tras o reconto de votos, e unha vez que se constatou que o PSOE podería ter opción de formar un goberno de esquerdas en España.
Compareceu acompañada pola número 2 ao Congreso dos Deputados por Pontevedra, a pontevedresa Marica Adrio, xa deputada electa, e polo portavoz municipal do partido, Iván Puentes, e manifestou a súa satisfacción porque "esta España que queremos, vai seguir adiante".
"Estamos en condicións de seguir gobernando este país cun goberno progresista e estamos en condicións de seguir construíndo esta España que tanto esforzo nos custou, un país de dereitos e liberdades", insistiu Larriba, que insistiu en que "non se produciu ese desastre do PSOE que auguraban tantas enquisas".
Marica Adrio destacou, desde a sede do PSOE na rúa Irmáns Nodais, que os socialistas están "encantados" tamén cos resultados a nivel provincial, pois igualaron o número de escanos de 2019, tres.
Como deputada electa, xa se comprometeu a "seguir traballando por Pontevedra" e dixo a toda a poboación que "terédesme aquí para todo o que queirades".
En clave local, Iván Puentes sinalou que "non podemos estar máis que profundamente satisfeitos" porque na cidade melloraron os resultados de fai catro anos, subindo votos e porque as tres forzas políticas de esquerdas (PSOE, BNG e Sumar) superan en ao redor de 7.000 votos ao PP.
Estas eleccións, para o líder local do PSOE, "confirman as tendencias das municipais" e poñen no Congreso a Marica Adrio, que será "a única deputada de esquerdas que vai defender os intereses de Pontevedra no Congreso", pois é a única da cidade da capital entre os elixidos polos partidos de esquerdas.
Está convencido Iván Puentes de que "hoxe, a maioría dos pontevedreses e pontevedresas respiraron aliviados de que a dereita e a ultradereita non gobernen as nosas vidas o próximos catro anos".
Ademais, considera que estas eleccións tamén deberían influír nas negociacións co BNG para asinar un pacto de goberno bipartito en Pontevedra.
Esas negociacións "nunca foron suspendidas", mantivéronse con "contactos informais" e confía en que, tras as xerais, "cada un quedou no seu sitio" e se vexa o "apoio relevancia" de cada partido para asinar un goberno de coalición cunha "suma de dúas vontades".
Relacionadas:
-
23X | Os sete deputados e catro senadores pontevedreses que tomarán posesión o 17 de agosto
Por Natalia Puga |
-
23X | Sumar celebra que Galicia será "determinante" no futuro goberno
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Ana Pastor subliña que Pontevedra "percibió que es momento de cambio"
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Feijóo gaña as eleccións pero Sánchez gobernará se convence os nacionalistas
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Lores lamenta que a suba en votos do BNG "non foi suficiente" para ter deputada por Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
23X | A 'onda azul' inunda a provincia e só 'resisten' cinco concellos, como O Grove ou A Illa
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Pontevedra decidiu: o PP gaña en votos pero empata co PSOE en escanos
Por Alejandro Espiño |