Novo impacto contra un cruceiro: un turismo derruba o capitel da cruz situada en Santa María de Xeve
Por Anxo Lourido
Un turismo impactaba a última hora da tarde deste domingo 30 de xullo contra o Cruceiro de Santa María de Xeve causándolle graves danos.
O vehículo circulaba pola estrada EP-0018 e chocaba contra a base do monumento relixioso, que se atopa situado no terreo que se utiliza como campo da festa, entre a antiga casa do concello de Xeve e a igrexa de Santa María.
Segundo testemuñas presenciais, os ocupantes do vehículo, que eran turistas, saíron ilesos do accidente. Afirmaron que a luz do sol provocou a perda de visibilidade no condutor e ao desorientarse terminou golpeando a estrutura.
Como consecuencia do impacto, o capitel e a cruz eran derrubados e golpeaban contra o asfalto rompéndose en varios pedazos. Segundo as mesmas fontes, axentes da Policía Local achegáronse ata a zona para levantar atestado do incidente.
Este suceso rexístrase poucos días máis tarde de que outro vehículo tamén causase danos no Cruceiro do Montiño, na parroquia veciña de Lérez. Neste caso, as pezas foron retiradas e custodiadas pola Concellería de Patrimonio Histórico, para estudar a restauración da escultura.
Relacionadas:
-
Ferido o condutor dun camión accidentado na vía rápida en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Un condutor queda durmido ao volante e impacta contra outro turismo que derruba o portal dunha casa
Por Anxo Lourido |
-
Primeiros trámites para a restauración do Cruceiro do Montiño, en Lérez, derrubado nun accidente
Por Redacción |
-
Santa María de Xeve estrea o seu novo roteiro que pon en valor os elementos patrimoniais e históricos da parroquia
Por Redacción |