O PP comparte "ao 100%" a necesaria revitalización do mercado, aínda que cre que "chega tarde": "deixárono morrer"
Por Natalia Puga
O PP de Pontevedra comparte "ao 100%" a necesidade de rehabilitación do mercado e do gastroespazo da segunda planta e aplaude o 'Plan Mercado' presentado nos últimos días pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.
A concelleira Pepa Pardo anunciou este mércores que o Goberno municipal "terá o apoio do PP" se busca dinamizalo e convertelo en "referente gastronómico e turístico".
De cara ao desenvolvemento deste Plan Mercados, Pepa Pardo sinala que "debe ser entendido desde un punto de vista ambicioso" e que non se limite a unha nova licitación dos postos, senón a poñer en marcha "políticas que o fagan atractivo".
Pardo compareceu este mércores ante os medios de comunicación e aplaudiu esta proposta do Goberno de BNG á vez que lembrou que esta foi "unha das grandes reivindicacións" do grupo municipal do PP durante o último mandato 2019-2023.
Así, xa en novembro de 2021 presentaron o seu propio proxecto de reforma e logo presentaron unha moción que recibiu un "non tallante " do BNG e o PSOE que entón compartían goberno.
En relación con esa moción, lembrou que a resposta da ex concelleira de Promoción Económica e responsable de mercados, a socialista Yoya Blanco, foi que era "surrealista" e que Pepa Pardo "o único que facía era dar a vara" e comportábase como "a vella do visillo".
Dous anos despois, en opinión da concelleira 'popular', o BNG "recoñece que o PP tiña razón", por iso é polo que apoiarán as súas propostas para este espazo. De todos os xeitos, queren deixar claro que "chega moi tarde", pois "se lle pediu actuar e non o fixeron, deixárono morrer".
"Era a crónica dunha morte anunciada", insiste Pepa Pardo, que recoñece que ao gastroespazo afectoulle a pandemia, pero tamén que, finalizada a crise sanitaria, "non fixeron nada".
A edil do PP critica tanto ao PSOE como ao BNG pola súa actitude en relación co mercado. Así, aos nacionalistas aféalles que "pasou de ser a súa proposta estrela" en 2019 a quedar relegado durante catro anos e "non poden deixar morrer a súa proposta estrela" porque durante eses catro anos fose competencia dos socialistas.
Fala Pepa Pardo de "desidia, deixamento e inacción" do goberno bipartito BNG-PSOE e acúsaos de "sectarismo". Na súa opinión, isto "demostra que había dous gobernos cun único nexo de unión, dicir non ás propostas do PP".
Relacionadas:
-
O Nadal volve "poñer o foco" no mercado, con música, un mercado creativo e badaladas adiantadas
Por Natalia Puga |
-
Lanzan o "Plan Mercado", que busca converter a contorna da praza na "zona cero" do comercio local
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"
Por Natalia Puga |
-
O 'gastromercado', en "paz absoluta" mentres segue en estudo un expediente por enfrontamentos
Por Natalia Puga |
-
Esixen unha reforma integral do Mercado ante as súas "manifiestas deficiencias"
Por Alejandro Espiño |