O 30 de setembro celebrarase a feira ambulante na avenida de Bos Aires
Por Oskar Viéitez
A avenida de Bos Aires, xusto detrás da Praza de Abastos, acollerá a celebración da feira ambulante o vindeiro sábado 30 de setembro.
Esa é a previsión que manexa a concelleira responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías, que mandará as notificacións pertinentes aos vendedores ambulantes para comunicar a suspensión do mercadillo nas datas nas que coincide coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon e a súa nova localización na Avenida de Bos Aires.
Este mércores a edil de Mercados enviou á Federación de Vendedores Ambulantes unha proposta con varias datas para manter unha reunión "porque quería ver con eles e con elas os detalles da nova localización".
Anabel Gulías explicou que na Avenida de Bos Aires cortaríase o tráfico en tres carrís entre as pontes de Santiago e o Burgo, deixando operativo o máis próximo ao Mercado e o outro se empregaría para aparcar as furgonetas dos ambulantes. Os postos montaranse na beirarrúa e nos dous carrís en dirección á ponte das Correntes.
Este peche xa se analizou polos servizos municipais que concluíron, segundo dixo Anabel Gulías, que ao ser os sábados pola mañá "non supón un problema para a fluidez do tráfico".
A concelleira lembrou que para tomar esta decisión tivéronse en conta como "criterios obxectivos" de valoración a idoneidade da localización, o atractivo comercial e as preferencias dos axentes implicados.
Gulías sinalou que o informe elaborado ao respecto lles foi remitido aos distintos axentes para que puidesen estudalo e analizalo. Unha vez enviado, non foi recibida ningunha aportación ou suxestión por escrito, "ningún comentario ou cuestión a revisar ou mellorar".
"Na maior parte das vilas as feiras ambulantes sitúanse na contorna do Mercado", engadiu a concelleira, "entendemos que é interesante establecer sinerxias que favorezan ao comercio local".
"Esta é unha cuestión de cidade, non é unha cuestión dun sector", sentenciou.
Relacionadas:
-
O Concello asume que os feirantes non instalarán este sábado os seus postos en Bos Aires
Por Alejandro Espiño |
-
Os feirantes pasan de montar "a mundial" e suspenden as súas protestas
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PSOE critica o traslado da feira a Bos Aires por ser unha "nova arroutada con tintes revanchistas"
Por Oskar Viéitez |
-
Yoya Blanco, concelleira do PSOE, asegura que ao PP non lle gusta a feira no centro
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Pepa Pardo culpa o PSOE de que a feira abandonara a Alameda por ceder o "poder de decisión" a Lores
Por Anxo Lourido |
-
Os ambulantes irromperán na Feira Franca e o Mundial de Tríatlon se Lores non cumpre a súa promesa de hai 35 anos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |