O PSOE critica que a Xunta favoreza á Coruña fronte a Pontevedra en materia sanitaria
Por Redacción
Representantes do Partido Socialista mostraron o seu desacordo coas últimas medidas adoptados pola Consellería de Sanidade en relación coa área sanitaria norte de Pontevedra e a decisión de trasladar pacientes de determinadas especialidades a Santiago. Nunha rolda de prensa, o responsable en materia sanitaria do PSOE local, Víctor Pedreira e o secretario local, Agustín Fernández, sinalaron que se está a beneficiar aos hospitais da provincia da Coruña fronte aos de Pontevedra xa que os hospitais da primeira atenderán ao dobre de poboación que os do sur.
Victor Pedreira afirmou que esta decisión pode estar relacionada co feito de que Pontevedra e Vigo non estean gobernados por alcaldes do Partido Popular. E engadiu que o Complexo Hospitalario de Pontevedra xa carece de especialidades e servizos cos que debería de contar. Segundo apuntou non se asumiron porque o goberno de Núñez Feijóo decidiu non ampliar o Hospital Montecelo e tampouco encontra agora financiamento para levar a cabo o Hospital de Monte Carrasco que, segundo as previsións anunciadas pola Xunta no seu momento, debería estar finalizado neste mesmo ano. "Esta situación de déficit histórico va a perpetuarse porque no hai fechas ni compromisos con el área de Pontevedra y O Salnés", sinalou Pedreira.
Pola súa banda, Agustín Fernández indicou que o Partido Popular está a levar a cabo unha "jibarización da sanidade pública que encubre a privatización coa redución de servizos". Neste sentido, anunciou que a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán, presentará varias preguntas sobre a situación sanitaria que está a sufrir Pontevedra e engadiu que o seu grupo municipal presentará unha moción no mesmo sentido durante o próximo pleno.
Ademais, emprazou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e Rafael Louzán, presidente da Deputación, a que se manifesten "ante a perda de capacidade sanitaria de Pontevedra fronte a outras provincias" E sobre o voceiro do PP local sinalou que "Jacobo Moreira non ten moita consideración non partido e, sobre todo, amosa falta de criterio. Dá igual que opine unha cousa porque, ao día seguinte, opina a contraria".
Fernández indicou que dende o PSOE se apoiarán as protestas que van desenvolver a partir deste martes 28 convocadas pola xunta de persoal do Complexo Hospitalario en todos os centros de saúde e hospitais de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra convoca protestas contra o traslado de doentes a Santiago
Por Anxo Lourido |
-
A conselleira de Sanidade asegura que "non é significativa" a diferenza entre o traxecto a Vigo e a Santiago
Por Redacción |
-
Doentes de seis especialidades do CHOP terán que trasladarse a Santiago para seren tratados
Por Redacción |