A Audiencia ampara a actuación de dous policías acusados de detención ilegal e multa a un por malos tratos a un detido
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra ampara nunha sentenza a actuación de dous policías da cidade xulgados a semana pasada por por detención ilegal e falsidade en documento oficial por presuntamente deter sen motivo a un mozo e mentir no atestado sobre o arresto.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve os dous policías destes dous delitos, aínda que acaba condenando a un deles por un delito leve por golpear a un detido e levalo a rastro ata os calabozos.
Os dous policías enfrontábanse inicialmente a sete anos de prisión, daquela a Fiscalía reduciu a súa petición a catro anos de prisión e 12 meses de multa a 9 euros diarios (3.240 euros) e agora a Audiencia acaba condenando tan só a un deles ao pago dunha multa de 360 euros por un delito leve de malos tratos de obra, coa concorrencia da circunstancia agravante de prevalimiento do carácter público.
Os feitos que orixinaron esta causa ocorreron na madrugada do 12 de marzo de 2022. Sobre as tres da madrugada, dous policías denunciaron pola vía administrativa a catro novos que estaban a realizar pintadas nunha fachada da rúa Rosalía de Castro. O mozo que neste xuízo figura como vítima estaba nesa actuación inicial, identificado cun spray de pintura e unha botella de cervexa na man. Pouco despois, acudiu á Comisaría e, sobre as 3.45 horas, ocorreron os feitos polos que os policías acabaron absoltos e un deles condenado.
As maxistradas da sección cuarta consideran probado que este mozo chegou á Comisaría e atendeuno o primeiro axente, que estaba uniformado e de servizo facendo funcións de seguridade na garita da entrada. Expúxolle "de maneira reiterada e insistente as súas queixas pola actuación policial precedente" dicíndolle que lle fixeran dano nun brazo e que lle causaran danos no pantalón e nas zapatillas. Pedía que lle abonasen todos os danos.
Segundo recolle a sentenza, o axente explicoulle que se quería denunciar que acudise primeiro ao médico, pero el negouse. O axente pediulle que abandonase as dependencias policiais e acompañouno ata a porta. Nese momento, propinou unha forte patada á porta de entrada de Comisaría, abríndose esta con violencia, e seguidamente deu unha gran portada ao saír.
O axente saíu tras el, agarrouno e introduciuno de novo en Comisaría, para recriminarlle a acción. Cando o levaba cara á porta de novo, colleu impulso cara atrás, volveu dar unha forte patada á porta para abrila facendo que o axente que ía detrás del se desequilibrase.
Ese axente e un compañeiro que presenciou a acción saíron tras el, collérono na rúa entre os dous e volvérono a introducir en Comisaría. Xa dentro, revolveuse e tentou agredir ao segundo axente, que o esquivou e reduciu, comunicándolle que estaba detido por atentado e resistencia a axentes da autoridade. O detido empezou a insultalos e a dicir: "hijos de puta, os voy a matar".
O segundo axente levouno aos calabozos e aí cometeu o delito polo que foi condenado, ante a "continuada reiteración" dos insultos e ameazas do detido, que insistía en dicir "hijo de puta, te voy a matar". Segundo a sentenza, "aproximouno a unha parede, virouno e propinoulle un golpe no ombreiro esquerdo que o fixo caer ao chan, levándoo, a continuación, a rastro ata a zona de precalabozos, onde lle axudou a levantarse".
Non consta que sufrise danos.
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.