Aínda con clientela, as obras minguan a facturación das cafeterías: "consideramos pechar unha semana"
Por María José Pita & Mónica Patxot
Entre abril e maio de 2024. Este é o último prazo anunciado polo Concello de Pontevedra para o remate da renovación da praza de Barcelos. Será máis dun ano de obras que na hostalería da zona suscita emocións encontradas.
"Levámolo mal, co vento entra po, pero tamén o levamos con humor porque a obra vai ser para ben, vai ampliar a zona da praza", sinala Fátima García, camareira da Cafetería Donegal's, situada en primeira liña de obra.
García admite que a facturación descendeu. O motivo non é nin o po que se levanta durante os desterres nin o ruído da maquinaria. A razón, explica, é que se suprimiu a zona de carga e descarga, que facilitaba que os transportistas se achegasen á praza e fixeran unha parada para tomar un café.
Quen si son clientes habituais son os obreiros que se empregan en Barcelos. "Fixos están a traballar sobre cinco ou seis, eu creo que son poucas persoas, por iso vai todo tan lento", recoñece a camareira. O local abre ás 7:00 e uns vinte minutos antes das 8:00, a hora de inicio da súa xornada, os obreiros almorzan no seu local. A convivencia é boa, tanto que "tamén lles fago varrer a cafetería porque entran coas botas manchadas do formigón, e ás veces eles ata se ofrecen para tirarme o lixo", comenta entre risas. "Todo llo digo con agarimo".
Grazas a esas charlas diarias, puideron saber na cafetería que dentro de quince días van levantar o chan diante da terraza. "Para eses días dan choiva e vai estar todo embarrado, mesmo consideramos pechar unha semana", lamenta.
Ás 11:30 comprobamos que aínda quedan clientes para quen as obras non parecen ser un impedimento. Xunto ao valo que separa a beirarrúa da calzada, totalmente levantada, atopámonos a un grupo de amigos gozando dun aperitivo. Ana, Juan e Lupe son de Pontevedra e pararon neste lugar "polo petisco e porque nos queda de paso". Juan vai abrir un centro de boxeo preto, quedaron para ver o local e facer uns recados. Ana e Lupe afirman que "non é agradable" soportar o ruído da obra, mentres que Juan lle atopou un especial encanto a este sitio: "divírtenos ver as obras", anota.
Noutra mesa, Beatriz confirma que o esforzo dos locais da contorna para atraer clientela e facer fronte ás incomodidades da obra está ben empregado. "Veño porque dan petisco a elixir, non me importa a obra, se hai sitio para sentar, polo petisco quedo", relata mentres toma un café con leite. Non é clienta habitual porque reside en Marín "pero si cando veño a Pontevedra, como hoxe, a facer uns recados".
En Barcelos conviven as obras en superficie coas terrazas. Unha situación diferente é a que nos atopamos un par de rúas máis abaixo, na esquina entre Padre Amoedo e Cruz Vermella, onde a cafetería Orange se atopa rodeada de andamios polas súas dúas fachadas. A propietaria María José Docampo sinala que o andamio lateral, que apenas afecta a dúas mesas, leva instalado dúas ou tres semanas. O problema chegou coa estrutura que levantaron pola parede da rúa Cruz Vermella, onde na xornada do luns tiveron que retirar todas as mesas. Con pericia, mantiveron dúas mesas nun lugar da rúa que non entorpece o tránsito pero que lles obriga a asomarse continuamente porque dende a ampla vidreira do local non lles alcanza a visión.
Ás 14:00 horas, o habitual é que a terraza da cafetería estea chea con xente que vén comer. "Mesmo no inverno, aínda que faga moito frío, se non chove sentan na terraza, sempre pensamos que se lles vai a arrefriar a comida".
Xa se nota a baixada, os clientes fumadores sempre escollían terraza e levamos días sen velos
Porén, e a pesar de estar a estada protexida por unha lona, plásticos e reixa, por precaución retiraron as mesas. Calculan que a perda económica será grande. "Xa se nota a baixada, os clientes fumadores sempre escollían terraza e levamos días sen velos". Con todo, de momento non van subir o prezo dos seus cafés. O grande de almorzo van mantelo a 1,40 euros, petisco de churros ou biscoito, incluído, "porque hai moita competencia e temos medo de que se o subimos os clientes non volvan".
A súa clientela é variada, entre traballadores da zona, como o Arquivo Provincial ou o Museo de Pontevedra, "sobre todo se hai un evento", xente de paso ou residentes no barrio.
Entre estes últimos, atopámonos ao único ocupante da terraza. Aos seus 93 anos, Jose non perdoa o seu café americano e a lectura de El País. "Veño todos os días ao Orange porque son moi amigos, e se hai bo tempo como hoxe quédome na terraza". Apenas se lle escoita entre o son das perforadoras. "Eu concéntrome no xornal e sigo lendo, hai que ter paciencia coas obras porque é para mellor". Jose seguirá vindo todos os días "aínda que haxa obras", menos sábado e domingo que "vou á aldea", en Soutelo de Montes, de onde é oriúndo.
Nestas primeiras xornadas de andamios o ánimo non é bo nesta cafetería, quizá coa chegada das choivas a final de semana a clientela regrese ao interior do local, despois de franquear o andamio baixo o que, coma se dunha superstición se tratase, os clientes pasan correndo.