Protesta polo despedimento dunha traballadora de Zara ao reincorporarse tras un ano de baixa
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este martes 10 de octubre, membros do sindicato CIG e traballadores de Inditex concentráronse contra o mediodía ás portas de Zara en Pontevedra, na rúa Sagasta. O motivo era reclamar que a empresa readmita á traballadora Ana Vanesa, que foi despedida ao reincorporarse tras unha baixa de longa duración por motivos de saúde.
Na concentración, estaba presente Ana Vanesa, quen manifestaba o seu desgusto ante unha situación que non entende. "Me parece injusto, después de un año de baja recibí apoyo cero, sobre todo de un encargado, me anuló totalmente, es que no se dirigía ni a mí", lamentábase.
Ana Vanesa ocupaba en Zara un posto de Comercial dende 2006, e durante estes 17 anos na empresa nunca fora sancionada nin amonestada.
A cronoloxía dos feitos arranca no momento en que comunicou á empresa a súa intención de reincorporarse de xeito voluntario tras un ano de baixa, "pendente aínda de probas médicas e rehabilitación", sinala Diana Rodríguez, representante de CIG-Servizos de Pontevedra. Dende a empresa "dixéronlle que antes de incorporarse tiña que coller as vacacións do ano anterior; colleu a alta, foi comunicalo á tenda e a primeira sorpresa foi cando lle denegaron as vacacións do ano pasado".
Como "non quixo montar follón", continúa relatando a representante da CIG, incorporouse a traballar o día 7 de xuño. Como as vacacións deste ano xa estaban asignadas por cuadrantes, colleunas o 19 de xuño. A sorpresa foi que o 13 de xullo, apenas tres días despois do regreso destas vacacións, comunícanlle o despedimento disciplinario. "Destes días, dende que ela se incorpora ata que a despiden, soamente chegou a estar once días de traballo efectivo na tenda".
Na carta indícase un baixo rendemento voluntario, discusións coas compañeiras, que crea mal ambiente laboral, non aplica os procedementos axeitados da súa tarefa e non realiza as tarefas que se lle encomendan. Para o sindicato CIG, "os motivos que dan na carta de despido disciplinario son totalmente arbitrarios, non están datados e non están xustificados".
Así o alegarán no xuízo fixado para o vindeiro 21 de novembro. "O que queremos destacar é que non é un problema da profesionalidade de Vanesa e que cree un mal ambiente laboral, porque nunca tivo ningún problema con ningunha traballadora da plantilla, do que se trata é dunha represalia polo feito de estar un ano de baixa".
O sindicato que defende á traballadora pedirá "a nulidade e a readmisión de Vanesa e non a improcedencia, os cartos non os queremos, senón que volva a traballar".
Relacionadas:
-
As traballadoras de Bershka logran a recolocación das afectadas polo peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Desconvocada a folga en Bershka
Por Redacción |
-
Folga indefinida en Bershka a partir do xoves polo peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía
Por Mónica Patxot & Redacción |