Luis López destaca a "actividade intensa" nos primeiros cen días de goberno na Deputación "lonxe do sectarismo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López destacou a "actividade intensa" desenvolvida polo seu Goberno provincial nestes primeiros cen días de mandato.
"Foron cen días de estar pegados á rúa, cen días dun goberno que demostra cada día ser o de todos, lonxe do sectarismo; e cen días de municipalismo", manifestou Luis López este venres nunha rolda de prensa.
O presidente provincial indicou que foron de 270 os actos nos que participaron os integrantes do goberno provincial, "o que dá unha media de tres e ata catro actos ao día", dixo.
Luis López contrapuxo estes "datos poderosos" fronte ás opinións "ou mesmo os insultos que levamos recibindo" e engadiu máis "cifras e datos reais" destes meses nos que "o contacto en público e en privado cos alcaldes, con outras administracións, cos cidadáns na rúa e co tecido asociativo foi unha constante".
No ámbito económico, estes primeiros meses de mandato serviron para mobilizar a través da Xunta de Goberno un total de 18,5 millóns de euros "dos que o 70 % (12,6 millóns) recaeu directamente nos concellos".
Por áreas, o goberno provincial dedicou 1,8 millóns á programas para a mocidade, 1,8 millóns, ao deporte; 1 millón, ao medio ambiente; 410.000 euros, a programas de igualdade "que para nós é un motivo de unidade e non de confrontación"; 300.000 euros, a cultura; e máis de 250.000 euros, para o reto demográfico.
O presidente provincial tamén incidiu en que a Deputación de Pontevedra protagonizou numerosos "fitos significativos" como as entrevistas cos alcaldes de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, "ningún, por certo, do noso partido", puntualizou.
Ademais, "deuse un novo rumbo ao Museo de Pontevedra e ao convento de Santa Clara", con "cambios necesarios que redundan na apertura de ambos os tesouros da cidade" e tamén "a salvagarda dos xardíns do convento de Santa Clara", dixo.
A Deputación de Pontevedra tamén se comprometeu co proxecto da nova bancada de Gol do estadio de Balaídos, concretáronse as transferencias á Xunta do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería, e tamén citou os investimentos en Príncipe Felipe, as melloras na Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou o "novo comezo" do Observatorio Turístico.
Por último, o presidente da Deputación lembrou que o vindeiro luns o Pazo Provincial acollerá unha reunión cos alcaldes da provincia "para trasladarlles que outro dos compromisos que adquirín, o de potenciar os investimentos municipais, tamén o imos a cumprir", sentenciou.
Relacionadas:
-
E a Deputación regresou ás mans do PP, con Luis López como presidente
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE asegura que a Deputación vai recortar o próximo ano un 21,1% os recursos directos aos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta o "Plan + Provincia" dotado de 48,2 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación activa actuacións na provincial por un total de 1,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Luis López convoca a todos os alcaldes para explicar o novo plan de investimentos da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Lores confía en que o presidente da Deputación manteña os compromisos adquiridos respecto ao futuro de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |