O PSOE asegura que a Deputación vai recortar o próximo ano un 21,1% os recursos directos aos concellos
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Socialista na Deputación de Pontevedra asegura que "o novo goberno do Partido Popular vai recortar un 21,1% os recursos directos repartidos de maneira regrada aos concellos" no próximo ano 2024 con respecto ao actual.
Os deputados Digna Rivas e Carlos Font compareceron este xoves en rolda de prensa para expresar a súa reacción ante a "performance" ou o "mitin" que, ao seu xuízo, foi a presentación aos alcaldes do Plan + Provincia por parte do presidente da Deputación, Luis López.
Digna Rivas explicou que neste ano, cos tres programas que deixou aprobados "con cero partidismo" o anterior goberno provincial presidido por Carmela Silva os municipios de menos de 50.000 habitantes recibiron 68,7 millóns de euros (44 millóns do Plan Concellos, 22 do PON 2030 e 2,7 do Plan extraordinario polos temporais).
Con todo, segundo a deputada socialista, para o próximo ano 2024 os concellos van recibir un total de 54,2 millóns de euros "é dicir, un 21,1% menos". E advertiu de que "xa veremos con que criterios" se adxudican estes fondos.
A portavoz socialista dixo que "o Partido Popular non cumpre o que promete" porque no novo plan + Provincia "non hai nin rastro deses 60 millóns que o Partido Popular esixiu para o Plan Concellos cando estaban na oposición" unha actitude que criticou pola súa "hipocrisía".
Digna Rivas asistiu á presentación do Plan + Provincia na súa condición de alcaldesa de Redondela e asegurou que "ningún alcalde ou alcaldesa saíu da Deputación o pasado luns sabendo que asignación vai ter en 2024" algo que, segundo destacou, nunca ocorrera no últimos oito anos co bipartito PSOE – BNG.
En resumo, para o Partido Socialista o actual goberno do PP na Deputación de Pontevedra presenta para os concellos "menos cartos, máis propaganda, menos transparencia, máis opacidade, menos municipalismo e moito máis caciquismo".
Pola súa banda, Carlos Font sinalou que o novo goberno provincial quere poñer en marcha "a una velocidad acelerada" o Plan de Infraestruturas Deportivas dotado con 4 millóns de euros, xa que no pleno deste mes leva a modificación de crédito. Tamén alertou da recuperación do chamado "Plan de Acción Caciquil" co obxectivo de beneficiar a los ayuntamientos de su color político".
Relacionadas:
-
O PSOE asegura que o orzamento da Deputación para 2024 é "machista"
Por Oskar Viéitez |
-
Críticas do PSOE á nova imaxe da Deputación: "Parécese bastante ao do PP"
Por Redacción |
-
Cambio de imaxe na Deputación e presentación do orzamento máis alto da institución: 189 millóns de euros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luis López comprométese a construír unha senda peonil e ampliar a estrada entre Baión e András
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta o "Plan + Provincia" dotado de 48,2 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Luis López destaca a "actividade intensa" nos primeiros cen días de goberno na Deputación "lonxe do sectarismo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |