A Deputación presenta o "Plan + Provincia" dotado de 48,2 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López presentou este luns aos alcaldes o "Plan + Provincia", definido como un "instrumento de transformación mellorado" e unha "mostra de confianza na autonomía local" ademais de "un claro exemplo do municipalismo que practica este goberno".
Segundo destacou será "o maior plan de apoio municipal para concellos de menos de 50.000 habitantes da historia da Deputación de Pontevedra con 48,2 millóns de euros".
Son 4,2 millóns, é dicir, un 9,5% máis que o anterior Plan Concellos, sinalou Luis López en relación con esta "aposta sen precedentes" por estes 59 dos 61 municipios da provincia.
Este plan presenta tamén novidades respecto a as liñas de financiamento. Ás xa coñecidas de investimentos, emprego e gasto corrente súmase a liña de "proxectos de futuro" para "apoiar a redacción de novos proxectos transformadores".
O presidente provincial tamén incidiu en que "o Plan + Provincia tamén significa máis autonomía local" debido a que na Deputación serán "xenerosos" á hora de "flexibilizar" o uso das distintas liñas de financiamento "para que cada concello poida administrar os recursos en base ás súas necesidades".
Luis López, rodeado de todos os membros do goberno provincial, presentou no salón de plenos do Pazo Provincial aos 61 alcaldes e alcaldesas pontevedreses este "Plan + Provincia" xunto ás liñas políticas que centrarán o seu mandato e que "estarán baseadas na colaboración, a transformación e o municipalismo", segundo prometeu.
En canto á colaboración, Luis López recalcou que será cos cidadáns, co tecido asociativo e coas demais administracións públicas "goberne quen as goberne e sexan da cor que sexan".
Sobre estes tres eixos sobre os que virará a acción de goberno, o presidente tamén apuntou que "haberá disposicións lóxicas, criterios complementarios, cometeremos erros porque non imos acertar sempre, pero ao que non vai renunciar esta Deputación é a ser aliados permanentes do municipalismo. Este é o noso compromiso".
Os orzamentos da Deputación para 2024, que Luis López espera que entren en vigor o próximo 1 de xaneiro, darán "estabilidade e as certezas imprescindibles á provincia" impulsando un "motor económico" como o turismo, para o que a próxima semana aprobarase a redacción dun novo Plan Estratéxico.
"O deporte será outra das nosas prioridades", anticipou o presidente da Deputación de Pontevedra avanzando que haberá un Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que inicialmente estará dotado de 4 millóns de euros e que tamén acudirá a remanentes para "dotar a moitos lugares da provincia de instalacións de nivel".
Luis López tamén anunciou que a Deputación está en vías de asinar un convenio "pioneiro" coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) "para que os concellos poidades ingresar nas vosas arcas as débedas fiscais que ata o de agora era imposible de aflorar". Trataríase dun instrumento máis para recadar as débedas tributarias inferiores a 60 euros e as non tributarias inferiores a 1.500 euros.
Nestas contías, no pasado exercicio 2022, un concello como Cangas tiña 236.000 euros pendentes, Caldas de Reis 160.000, O Porriño 900.000, Tomiño 245.000 ou Silleda 198.000 euros, segundo citou Luis López respecto a estes ingresos de débedas tributarias, maioritariamente multas, que ata o de agora non poden percibir.
Nos orzamentos que está a elaborar o goberno provincial para o próximo ano tamén se incluirá o programa "Provincia comunitaria" cifrado en 2 millóns de euros destinados ás asociacións e colectivos. Tamén incluirá un plan, denominado "+ Aqua" destinado a axudar ás comunidades de usuarios de auga "que tanto están a axudar aos municipios nos labores de abastecementos".
Neste encontro, o presidente da Deputación tamén explicou que "atenderemos á cidade de Pontevedra cunha aposta cultural centrada na apertura á cidade do Museo e do convento de Santa Clara" e, en relación coa cidade de Vigo "con proxectos novos e outros que xa están en marcha", como é o caso da bancada de Gol no estadio de Balaídos.
Por último, Luis López expresou a súa "plena confianza" neste proxecto que acaba de presentar, no "equipo comprometido, plural e talentoso" que lle acompaña no goberno provincial, na vontade que comparte cos alcaldes de "servir mellor aos veciños" e a súa convicción de que "Pontevedra vai a máis".
Relacionadas:
-
E a Deputación regresou ás mans do PP, con Luis López como presidente
Por Alejandro Espiño |
-
Cambio de imaxe na Deputación e presentación do orzamento máis alto da institución: 189 millóns de euros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PSOE asegura que a Deputación vai recortar o próximo ano un 21,1% os recursos directos aos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Luis López destaca a "actividade intensa" nos primeiros cen días de goberno na Deputación "lonxe do sectarismo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Luis López convoca a todos os alcaldes para explicar o novo plan de investimentos da Deputación
Por Oskar Viéitez |