Casa Solla certifica a súa aposta por unha cociña de proximidade co selo Galicia Calidade
Por Redacción
O restaurante Casa Solla recibiu este venres o selo de uso da marca de garantía Galicia Calidade, que certificará a partir de agora a súa aposta pola cociña de calidade e proximidade, elaborando unha experiencia gastronómica "próxima e de gran delicadeza".
Así o destacou a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que foi a encargada de entregar este distintivo ao cociñeiro Pepe Solla.
O selo permitirá a Casa Solla incluír a nova sinalización, coa que se identifica ás empresas adheridas a Galicia Calidade, na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.
Con esta nova incorporación, son xa máis de 37 os establecementos de hostalería que contan con este certificado de garantía no conxunto das máis de 150 empresas adheridas.
Durante a entrega do certificado, Méndez salientou a aposta de Casa Solla pola cociña a partir de materias primas de proximidade "con menús que conmemoran dúas artes de pesca senlleiras de Galicia e denotan o compromiso cos produtos do mar e coa horta da contorna".
Casa Solla fundouse en 1961 cando os pais de Pepe Solla, José e Amelia, decidiron iniciar este proxecto que, aos poucos, conseguiron dar solidez cunha oferta baseada nos produtos galegos.
A finais dos anos 80 incorporouse como cociñeiro o seu fillo, que logrou a Estrella Michelín para Casa Solla pouco despois. Desde 2003 seguiu o seu camiño en solitario, con respecto á historia dos seus pais e de Galicia, mantendo a aposta polo produto e a calidez humana.