Os 62 migrantes que chegarán a Sanxenxo serán de sexo masculino e con idades de entre 18 e 25 anos
Por Redacción
Durante este venres, Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, e Paz Lago, concelleira de Servizos Sociais, mantiñan un encontro con Daniel Bóveda, responsable de Accem Galicia. Con el analizaron a chegada prevista de 62 migrantes nos próximos días á vila turística.
Con esta reunión resolvéronse dúbidas e tratáronse todas as cuestións que o Concello requiría ao carecer de respostas por parte do goberno central, segundo indican desde o equipo de goberno de Sanxenxo.
Segundo indicou Bóveda, as instalacións nas que se aloxarán os migrantes, que proceden de Senegal, Gambia e Mali, contarán cun equipo profesional integrado por seis persoas entre as que se atopan psicólogos, traballadores e integradores sociais, ademais dun intérprete.
Durante as 24 horas do día haberá unha atención continua para o grupo de migrantes que serán todos de sexo masculino e con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos. O programa de atención cubrirá as necesidades de aloxamento, manutención e atención social.
Segundo o responsable da ONG, o tempo de estancia será inferior a un mes. Nalgún dos casos, se se trata de solicitantes de protección internacional, poderían solicitar unha prórroga e ampliar a súa estancia ata os tres meses. Mentres permanezan en Sanxenxo recibirán clases de español e talleres de contextualización sobre o país.
Polo momento, as necesidades básicas están cubertas, pero Accem Galicia non descarta solicitar axuda á poboación para que sexan doadas roupas de abrigo ou calzado. A propia organización e o Concello encargaríanse de coordinar estas doazóns, en caso de ser necesarias.
O Concello de Sanxenxo tamén puxo ao dispor de Accem un espazo para que realicen as actividades previstas no programa de integración. Telmo Martín afirmou que "imos colaborar en todo o que poidamos e que precisedes. Sanxenxo é un pobo solidario".
Nas últimas horas, apareceron pintadas de contido racista e outras con insultos ao alcalde nun carreiro do municipio.
Relacionadas:
-
Telmo Marín asegura que "Sanxenxo vai estar á altura como sempre e máis se se trata dun tema humanitario"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recibirá "entre mañá e pasado" os migrantes chegados a Canarias, "entre 60 e 70"
Por Redacción |
-
O ministro Escrivá informa este martes os alcaldes sobre a acollida de migrantes
Por Oskar Viéitez |
-
Vinte e un albergues privados galegos ofrecen 1.050 prazas para acoller aos migrantes de Canarias
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno de Telmo Martín descoñece a situación en que van aloxarse os 350 migrantes
Por Anxo Lourido |