A área sanitaria, ante o reto "moi difícil de lograr" de reducir as listas de espera a cifras pre pandemia
Por Natalia Puga
Superadas as cifras "complicadas" da pandemia da covid-19 en relación á atención sanitaria, a área de Pontevedra e O Salnés mellora "progresivamente" as súas listas de espera, pero está aínda lonxe de chegar aos datos previos. Para lograr o "obxectivo" que se marcaron, deberían "recortar dez días" as esperas para unha cirurxía.
Así o asegurou este martes o xerente da área sanitaria, José Flores, que fixo balance da situación das listas de espera e atención sanitaria deste ano 2023 acompañado pola directora asistencia, Susana Romero, e a directora de atención hospitalaria, Yolanda Sanduende.
José Flores recoñeceu que son "conscientes de que é moi difícil de lograr" ese obxectivo de igualar as cifras de 2019, a pesar de que teñen os quirófanos ao "100% de rendemento" de luns a venres en horario de mañá e tarde. Antes da pandemia, a espera media para cirurxía era de 33,6 días e en xuño de 2023 era de 49,4.
Segundo os datos facilitados este martes, o tempo de espera é na actualidade para operarse na área sanitaria é 16,6 días inferior á media galega. No distrito de Pontevedra, a demora media é, con datos de xuño, de 51,6 días e no distrito do Salnés, 36,9 días. No caso dos pacientes con prioridade uno, na área sanitaria esa espera baixa ata os 14 días.
Na maior parte dos servizos cirúrxicos hai mellores datos que no peche de 2022, sendo Dermatoloxía -con 31,5 días- e Oftalmoloxía -con 41,4 días- de Pontevedra os servizos con menor espera. As especialidades con demoras medias máis elevadas foron Otorrinolaringoloxía -71 días- e Xinecoloxía -57,1 días- en Pontevedra e Oftalmoloxía -41,9 días- e Xinecoloxía -39,2- no Salnés.
José Flores explicou que a área sanitaria pontevedresa non funciona illada do resto de Galicia e, como exemplo, explicou que antes de que termine o ano ofrecerase aos 37 pacientes pontevedreses que levan máis de seis meses en lista de espera operarse nalgún dos 14 hospitais públicos de Galicia.
O obxectivo é que "antes de final de ano o 100% dos pacientes que levan máis e seis meses esperando" estean operados. No caso de que digan que non, seguirán no mesmo quenda de lista de espera, non se recolocarán na lista, e volveranse a chamar cando lles toque en quenda ordinaria. Non ocorre o mesmo cos pacientes aos que ofrecen operarse con algún hospital concertado, pois no caso de que o rexeiten, conta como un non para operarse e baixan postos na lista.
PROBAS
En canto ás probas diagnósticas, en radioloxía a espera media é lixeiramente inferior ao resto de Galicia, 74,1 días fronte aos 77 días de media galega. No distrito de Pontevedra é de 29,1 días e no Salnés, de 117.
Segundo explicaron os responsables sanitarios, cando hai pacientes do Salnés que precisan unha proba urxente con menor lista de espera, derívanse a Pontevedra. Esa demora maior afecta sobre todo a un problema para cubrir a praza de ecógrafo.
Esas listas de espera máis elevadas débense a que no pasado tiveron problemas para conseguir radiólogos, pero aseguran que agora "estamos a recuperar" as cifras. Tamén se rexistraba un problema para informar as probas e os responsables sanitarios aseguran que están "a traballar en aras de mellorar esa demora".
CONSULTAS
No relativo ás consultas de especialidades, a espera media en xuño era de 42,3 días, lixeiramente interior, 39,6 días, no distrito pontevedrés, e 50,7 días no Salnés. É a mellor cifra de Galicia, pois a media é de 63, 20,7 días máis que nesta área sanitaria.
Estas cifra refírense só á primeira consulta, non ao seguimento de pacientes. En Pontevedra, a espera menor rexístrase nos servizos de Oncoloxía Médica, Obstetricia, Nefroloxía e Cirurxía Xeral, cun prazo inferior dez días. A demora maior vívese en Pediatría, Anestesioloxía e Reanimación, Rehabilitación e Neuroloxía.
No Salnés, os servizos con menor tempo medio de demora son Hematoloxía, Oncoloxía, Medicina Interna e Xinecoloxía, con menos de 25 días. Maior demora hai en Traumatoloxía, Rehabilitación, Uroloxía e Cardioloxía, superando os 60 días.
Relacionadas:
-
A atención primaria pontevedresa necesita sete médicos de familia "para estar nunha situación ideal"
Por Natalia Puga |
-
Cambio na xerencia da área sanitaria e inmunodepresión social ante a falta de médicos
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
CESM mantén a súa preocupación polo "caos" de pacientes en Montecelo
Por Redacción |
-
A demora media en primeiras consultas na área sanitaria aumentou en cinco días respecto a 2020
Por Redacción |
-
Sanidade reduce os tempos de espera para operacións e especialistas en Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |