O Festival de Jazz e Blues de Pontevedra dá o salto á Ferrería con Joey de Francesco
Por Redacción & Diego Torrado
A 27 edición do Festival de Jazz e Blues de Pontevedra deu este xoves o salto á Praza da Ferrería, onde continuará o resto da programación ata este domingo 28 de xullo, da man do organista, trompetista e vocalista de jazz natural de Filadelfia Joey de Francesco.
De Francesco fixo gala do talento que lle vén de familia, pois tanto o seu avó coma o seu pai foron aclamados intérpretes, especializados neste xénero musical, e encheu a Ferrería deses acordes e don natural para a música traballado desde os cinco anos.
Quen foi teloneiro de figuras consagradas como B.B. King ou Wynton Marsalis e compartiu escenarios e estudios de gravación con Miles Davis, Ray Charles, Van Morrison, Diana Krall, Nancy Wilson, George Benson, Grover Washington Jr. ou John Scofield chegou á Ferrería para facer un repaso de toda a súa prolífera carreira e ao seu último álbum, lanzado este mesmo ano, In the Key of the Universe.
Joey De Francesco, candidato en catro ocasións aos premios Grammy e membro do Salón da Fama do Órgano Hammond desde 2014, está considerado o responsable do renacemento musical do órgano de jazz a mediados da década dos anos 80 e na súa actuación en Pontevedra tocou un instrumento tan especial como é o órgano Hammond B-3.
Joey DeFrancesco tocou, ademais do órgano Hammond, trompeta e teclado e acompañárono sobre o escenario Troy Roberts como saxo tenor e Khary Abdul Shaheed á batería.
O Festival de Jazz e Blues de Pontevedra continúa este venres ás 22.30 horas na praza da Ferrería coa actuación de Judith Hill. O sábado 27 repite hora e escenario José James e o domingo pechará o ciclo Gabriel Peso Trío.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Gabriel Peso coroa o Festival Internacional de Jazz e Blues 2019
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Soul, funk e R&B, o cóctel perfecto de José James no penúltimo concerto do Festival Internacional de Jazz
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A Ferrería móvese ao ritmo de Judith Hill
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Álvaro del Valle Quartet ilumina coa súa música moderna a praza do Teucro
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Os pontevedreses Mr. River suben o pano do Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Escoita co Cara a cara aos artistas do Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Marisa Ciordia |
-
O jazz e o blues serán a banda sonora da cidade entre o 23 e o 28 de xullo
Por Manu Otero |