Culturgal 2019 preséntase como o refuxio "onde nunca chove" con espectáculos, videoxogos e arte contemporánea
Por Redacción
O autor Miguelanxo Prado, a compañía Chévere, o director Oliver Laxe, a escritora Ledicia Costas, a banda Dios Ke Te Krew, a actriz Mabel Rivera, a compañía Talía Teatro ou a exclusiva reaparición de Marful son algúns dos atractivos da XII edición do Culturgal, que comezará o vindeiro venres 29 e que durante o sábado 30 de novembro e o domingo 1 de decembro vai presentar as propostas máis interesantes das industrias culturais galegas.
Este venres presentábase esta Feira que, segundo o seu director, Xosé Aldea, pretende dar unha volta ao formato. Nesta ocasión, as divisións entre os 130 stands serán a través de lonas e estruturas metálicas coa intención de abrir o espazo e que conflúan as relacións entre os diferentes expositores e co público asistente nun espazo "onde non chove", tal e como indica o cartel deste ano.
Haberá seis espazos diferentes cunha zona infantil con múltiples actividades: obradoiros, sesións de contacontos, ciencia á feira, actuacións como a de Mamá Cabra, Maria Fumaça ou a de Talía Teatro que presentará o seu espectáculo 'Lambetadas', o domingo ás 12.00 horas para público familiar por un prezo de 5,50 euros.
Volverá establecerse un espazo Foro para presentacións de proxectos e encontros de carácter profesional; o espazo Libro, onde diferentes creadores e autoras presentarán as súas últimas obras ou traballos premiados recentemente; a Carpa cun aforo para 400 persoas será, un ano máis, o lugar para espectáculos de pequeno formato que se irán sucedendo ao longo das xornadas. Tamén haberá unha zona dedicada ao Cinema onde Oliver Laxe falará da súa premiada película 'O que arde', que tamén poderá verse no Culturgal ao igual que 'Eroski Paraíso', o filme de Jorge Coira e Xesús Ron baseada no espectáculo de Chévere.
Por terceiro ano consecutivo, o recinto feiral do Pazo da Cultura acollerá un Espazo de Arte Contemporánea, onde o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea e a Bienal de Cerveira presentarán o mellor das súas coleccións. Poderán verse tamén as exposicións de fotografía co premio Luis Ksado da Deputación da Coruña e O Camiño de Santiago Debuxado, unha proposta de Joaquín González Dorado.
Un dos puntos máis destacados da programación é o retorno exclusivo para o Culturgal da agrupación Marful. A venda de entradas anticipadas, segundo a organización, fai prever un cheo no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 30.
Os vídeoxogos e o mundo interactivo tamén será protagonistas nesta edición, un mundo atractivo para a mocidade e ao que o Culturgal, segundo o seu director, quere achegarse por tratarse dunha nova fórmula de lecer e de propostas culturais.
Na presentación tamén estiveron presentes o director do Agadic, Jacobo Sutil, que indicou que o Xacobeo 21 estará presente no Culturgal e destacou a importancia da cultura galega que crea 35.000 postos de traballo. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, amosou a súa satisfacción porque cada ano increméntase o interese desta convocatoria e invitou o público a achegarse ata Pontevedra para comprobar as diversas actividades que propoñen as empresas culturais galegas nunha cidade que tamén, destacou, é un referente neste campo porque leva estas propostas ás rúas e aos espazos culturais.
Por último, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, relatou que a institución provincial dará visibilidade a 40 concellos no Culturgal para presentar as súas iniciativas e manifestou que os actos programados desde a Deputación buscan a sustentabilidade, a igualdade e a inclusividade con especial protagonismo de mulleres creativas. Carmela Silva quixo destacar que se está a vivir unha revolución cultural en todos os edios da arte, "en moitos casos con nome de muller".
A edición deste ano do Culturgal volverá a ter prezos moi reducidos con entradas para persoa adulta de 3 euros, a de infantil, entre os 3 e os 14 anos, será de 2 euros; e os bebés ata 3 anos poderán entrar de balde. O bono para os 3 días é de 5 euros para adultos e de 3 euros para menores de 14 anos.
Toda a programación cos 138 actos previstos pode consultarse na páxina web de Culturgal.
Relacionadas:
-
Sábado de público multitudinario e actividade frenética en Culturgal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A violencia contra as mulleres tamén se denuncia no inicio do Culturgal a través dunha performance
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Culturgal abre as súas portas no Pazo da Cultura coa intención de superar os 15.000 visitantes
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
'Eroski Paraíso', prato forte da proposta audiovisual do Culturgal nun día cargado de cinema
Por Enrique Morales |
-
Os videoxogos pisarán con paso firme no Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal acollerá a preestrea de Eroski Paraíso
Por Redacción |
-
O público do Culturgal premia un festival multidisciplinar que se celebra no Courel
Por Redacción |
-
O festival Novos Cinemas optará ao Premio do Público no Culturgal 2019
Por Redacción |
-
Sustentabilidade, cambio climático, interactividade e igualdade, no stand da Deputación en Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal contará coa actuación estelar de Marful ao vivo, coa colaboración de Sabela, de Operación Triunfo
Por Redacción |
-
Culturgal pon o foco na cultura interactiva nunha nova edición na que afronta unha reestruturación profunda
Por Natalia Puga |