O Bádminton Ravachol fai historia e xogará o play-off polo título en División de Honra
Por Redacción & Cristina Saiz
O Club Bádminton Ravachol Pontevedra négase a baixar da nube na que vivie esta tempada na División de Honra, e é que está a vivir unha tempada histórica, a mellor desde que compite na máxima categoría nacional.
O equipo pontevedrés segue a facer historia, e a falta dunha xornada para o final da fase regular asegurou por primeira vez un posto no play-off polo título de liga. O Ravachol estará nas semifinais de liga, a falta só de saber se contará co factor cancha a favor.
Os xogadores adestrados por Jesús Pereiro aseguraron ademais un posto no play-off ao grande, superando no Pavillón Municipal dos Deportes ao equipo que chegaba como colíder e que é ademais o actual subcampión de Europa, o IES La Orden de Huelva, e todo iso a pesar das baixas por lesión de Jacobo Fernández e Lisa Curtin e tamén de Alexandra Oprisan, ao atrasarse o voo que a traía a Galicia desde unha competición en Mánchester.
De feito as baixas fixeron debutar como titular en División de Honra a Carmen Carro, xogadora Sub-17, que xunto a Hugo Salgueiro nada puideron facer no dobres mixto comezando a xornada con 0-1 para o equipo visitante.
Tamén cederon no seu partido de dobres masculino Manuel Brea e Gabriel Fernández, pero Georgina Bland e Laura Álvarez daban ánimos ao Ravachol gañando en cinco mangas a Laura Santos e Haidee Ojeda.
A situación era complicada, sobre todo porque no seguinte partido Laura Álvarez tiña que medirse coa campioa do mundo senior, a portuguesa Telma Santos, nun encontro no que deu a sopresa en tres sets poñendo as táboas no marcador xeral.
O IES La Orden volveu tomar vantaxe ao caer Manuel Brea fronte ao danés Christopher Vittoriani, pero o Bádminton Pontevedra non se daba por vencido e forzaba o desempate co triunfo de Georgina Bland sobre Laura Santos.
Quedaba un encontro, o decisivo, e saltaba á pista polo Ravachol o seu capitán, Gabriel Fernández, vencendo en catro mangas e dando un espectacular triunfo ao seu equipo.
"Faltábannos varias pezas importantes e aínda así gañamos outra vez a Huelva. Fixemos historia para o bádminton galego ao clasificarnos para semifinais polo título, nunca antes un equipo galego había chegado ata aquí desde que existe este formato de liga, e é un orgullo para nós representar a Pontevedra e Galicia na loita polo título", sinalou eufórico tras o encontro o adestrador e director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.
Cun posto asegurado na semifinal polo título, un triunfo agora contra o Oviedo na última xornada, dentro de dúas semanas, daríalle aos pontevedreses o primeiro posto da fase regular e a oportunidade de contar co factor cancha ao seu favor.
Relacionadas:
-
Georgina Bland, elixida mellor xogadora da tempada na División de Honra de Bádminton
Por Diego Espiño |
-
O Bádminton Ravachol cae con honra en Sevilla nas semifinais polo título de liga
Por Diego Espiño |
-
Derrota en Oviedo para un Ravachol que perde o factor cancha para a semifinal polo título
Por Redacción |
-
Dobre medalla de bronce para o Bádminton Ravachol no Máster Nacional Sub-19 de Tordesillas
Por Redacción |
-
Asegurada a permanencia, o Bádminton Ravachol soña ao grande "cos play-off polo título e seguir facendo historia"
Por Diego Espiño |
-
Triunfo do Bádmiton Ravachol para seguir no alto da División de Honra
Por Redacción |
-
Histórico liderado do Bádminton Ravachol na División de Honra
Por Diego Espiño |
-
O Bádminton Ravachol vence o Oviedo e inicia o ano mirando aos postos altos da División de Honra
Por Redacción & Cristina Saiz |