Empate amargo do Pontevedra contra o Compostela (2-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Pontevedra Club de Fútbol e Compostela regalaron este domingo aos asistentes ao Estadio Vero Boquete de San Lázaro un partido cheo de ocasións e emocións fortes no que os locais se adiantaron por partida dobre e os granates lograron empatar.
Ata alí desprazáronse máis de 500 afeccionados granates que alentaron e arrouparon ao seu equipo ata o asubío final, pero a pesar de ser superior durante a maior parte do encontro e dispoñer de numerosas ocasións, especialmente na segunda metade, coas que puido voltear o resultado, o Pontevedra non estivo acertado, perdoou en exceso e volve estar empatado a puntos co Ourense no máis alto da táboa.
Empezou da peor maneira o partido para os granates, que encaixaron o primeiro gol do encontro aos tres minutos de xogo tras un gran contragolpe executado polo Compostela. Jaime Santos recibiu en banda esquerda e filtrou o esférico entre a defensa pontevedresa, Hugo Matos controlou, plantouse diante de Edu Sousa e bateuno por abaixo.
Necesitaba o Pontevedra unha reacción urxente, pero a defensa de cinco dos locais estaba a ser impenetrable e estáballe custando en exceso facer o seu plan de partido. Con todo, dun disparo afastado que acabou en córner os granates sacaron petróleo. Dalisson puxo o balón desde a esquina na área pequena e Charly elevouse para tocar o xusto coa cabeza e coalo no interior da rede.
A seguinte acción ofensiva dos visitantes puido supoñer o segundo tanto do Pontevedra. Dalisson tentou repetir a xogada do empate e envío un córner moi pechado que despexou de puños Brais, Yelko volveu meter o esférico na área pequena e Charly cazouna de costas, pero o seu envío foise demasiado alto.
O ritmo de xogo foi baixando co paso dos minutos. A excesiva calor e a velocidade imposta ao comezo do duelo foi facendo efecto sobre os xogadores, que pasaban a atacar con posesións máis longas e xogadas máis elaboradas para facer correr ao equipo rival detrás do balón.
E non foi ata alcanzada a media hora de xogo cando o Pontevedra gozou doutra clarísima oportunidade coa que facer o segundo tanto. Dalisson e Yelko combinaron ao bordo da área, o 10 púxolla a Bastos, pero o seu disparo foise rozando o traveseiro.
Chegouse así á recta final do primeiro tempo e chegaron as ocasións para ambos os conxuntos. Primeiro os de Yago Iglesias avisaron cun disparo Garay que se foi por encima da portería, e na seguinte xogada foi o Compos o que o fixo tras un contragolpe que Caballé finalizou cun bo centro desde a dereita que Mario Gómez despexou a córner. Manu Ramírez centrou ao primeiro pau e o ex-granate David Soto rematou a portería con tan mala sorte que o balón deu en Bastos e coouse no interior da rede.
Á volta dos vestiarios o Pontevedra saíu como un revulsivo en busca do a igualada e a punto estivo de conseguila Álex González tras unha gran xogada individual. O capitán caeu dentro da área e reclamou un posible penalti, pero o colexiado non viu nada punible.
O xogo continuou e os granates seguiron asediando a portería contraria, dando outro susto á parroquia local esta vez por medio de Dalisson, pero David Soto tirouse ben abaixo para tapar e desviar a córner.
Con todo, que o Pontevedra estivese envorcado por completo en ataque propiciaba que o Compostela puidese saír ao contragolpe sen apenas problemas aproveitando que os xogadores visitantes deixaban demasiados espazos en defensa. De Vicente aproveitou a ocasión para enviar en longo a David Grande, plantouse diante de Edu #Sousa, pero o gardameta estivo providencial e evitou o 3-1.
Non baixou os brazos o equipo de Lérez, seguiu en busca do gol do empate e así chegou a xogada polémica do segundo tempo. Balón filtrado a Bastos, Jaime Santos púxolle a cambadela e derrubou ao 2 dentro da área. Penalti clarísimo, pero o árbiro decidiu non pitalo.
Os granates estaban completamente desatados e eran merecedores do segundo tanto, que non tardou en chegar. Pep Caballé derrubou a Chiqui no vértice da área e Dalisson tirou a falta cun golpeo preciso a media altura imposible para Brais, que nada puido facer para evitar o empate.
Pero o cadro de Yago Iglesias non se quería conformar co empate e foi a por máis, arriscando nos cambios dando entrada a Rufo por Garay e pasar así a xogar con dous puntas.
Con todo, o partido estaba completamente roto e o Pontevedra non atopaba o camiño cara á meta rival a pesar de dispoñer doutra gran oportunidade nun disparo de Bastos desde a frontal que deu no traveseiro e unha falta desde tres cuartos de campo que Yelko xutou entre os tres paus, pero Brais desviou a córner cunha boa estirada.
Entrou o duelo nos minutos finais e os granates chegaron tanto a temer polo empate como a facer o 2-3 por medio de Guèye. O senegalés foise de tres defensores, pero á hora de definir fíxoo polo pau curto e sen ángulo e o balón estrelouse na madeira.
Regresan os granates a Pasarón cun escaso botín porque dispuxeron de innumerables ocasións para voltear o resultado e porque a seguinte xornada xogaranllo todo diante do Ourense, que non perdoou ante o Coruxo e volven estar empatados a puntos no máis alto da clasificación.
SD COMPOSTELA (2): Brais, Roque, David Soto, Jaime Santos (Gonzalo Landeira, min. 81), David Grande (Manu Barreiro, min. 81), Samu Rodríguez, Kike, Hugo Matos (Roger Escoruela, min. 66), A. de Vicente, Pep Caballé e Manu Ramírez (Jordan, min. 73).
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Bastos, Churre, Mario Gómez, Álex González, Borja Domínguez, Yelko, Chiqui, Dalisson (Samu Mayo, min. 76), Garay (Rufo, min. 63) e Charly (Guèye, min. 76).
Árbitro: Gorka Mazo Maruri, auxiliado en bandas por César Iglesias Herrera e Mateo Ortega Peña (Castela e León). Amoestaron a Samu Rodríguez (29'), Pep Caballé (57'), Roque (60') no Compostela, e a Churre (87') e Guèye (90+4) no Pontevedra.
Goles: 1-0, Hugo Matos, min. 3. 1-1, Charly, min. 12. 2-1, Bastos (p.p.), min. 45. 2-2, Dalisson, min. 58.
Incidencias: Partido da xornada xornada 31 de liga no Grupo I de Segunda RFEF disputado no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro ante máis de 500 afeccionados granates.
Relacionadas:
-
Pasarón apunta ante o Ourense á mellor entrada da tempada
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra-Ourense, un derbi decisivo cun ollo posto no 'average'
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Continuamos na loita e na pelexa e dependendo de nós"
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A 'Marea Granate' invade o Vero Boquete
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Yago Iglesias: "Volver a San Lázaro e velo de granate será o máis bonito de todo"
Por Almu Dapena |
-
Camiño dun dos maiores desprazamentos de afeccionados granates dos últimos anos
Por Diego Espiño |
-
Tres xogadores do Compostela, sancionados para a visita do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Chiqui arenga á afección: "Cada campo de Galicia que imos fan un mini-Pasarón e iso valorámolo moitísimo"
Por Diego Espiño |
-
Abonados á 'media inglesa' para achegarse ao ascenso
Por Diego Espiño |
-
A 'Marea Granate' prepara a invasión do Vero Boquete
Por Diego Espiño |
-
Traballado triunfo do Pontevedra ante o Covadonga para volver ser líder en solitario (2-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |