Amegrove gaña na casa e se achega a Samertolameu; Mecos e Bueu, empatados na Liga B
Por Redacción
As dúas novas probas da Liga Galega de Traiñeiras celebradas esta fin de semana volveron a demostrar a gran igualdade que se presume haberá esta tempada. Samertolameu e Amegrove, os dous grandes favoritos ao triunfo final, repartíronse as vitorias nas regatas disputadas en augas de Sanxenxo e O Grove e manteñen o seu pulso pola primeira praza da competición.
A embarcación meca logrou un cómodo triunfo en casa. Foron os máis rápidos no porto de Pedras Negras (San Vicente do Mar), superando en 12 segundos a Samertolameu. Foi toda unha exhibición dos remeiros de Amegrove, que tiveron nas súas propias dificultades para manter o ritmo en parte da proba ao seu peor inimigo. Mugardos impúxose a Vilaxoán por apenas unhas centésimas e fíxose coa terceira praza.
Amegrove desquitábase así da decepción que sufriran na III Bandeira Concello de Sanxenxo, apenas 24 horas antes. Alí unha mala onda frustrou as súas opcións de vitoria. Terminaron terceiros a 19 segundos de Samertolameu, que lograron o seu segundo triunfo da tempada. Neste caso, foi a traiñeira de Vilaxoán a que se coou entre ambas e lograron a segunda posición na proba.
Tras estas dúas novas probas, Samertolameu mantense líder da Liga Galega con 23 puntos. Teñen dous máis que Amegrove, que seguen segundos. Pola súa banda, Vilaxoán é terceiro con 17 puntos. Mugardos con 15 e Ares con 13 son cuartos e quintos, respectivamente.
MECOS MANTÿN O LIDERADO DA LIGA B
Pola súa banda, o Mecos Mondariz logrou manter o liderado na Liga B. E iso que a proba desta fin de semana, disputada en Bueu, non foi demasiado ben para eles. A vitoria foi para a embarcación de Coruxo, que sorprendeu tanto aos do Grove como aos anfitrións, que acabaron segundos. Os vigueses foron os únicos que lograron baixar dos 21 minutos na liña de meta.
A 12 segundos chegaban os remeiros do Club de Mar de Bueu e a 22, Mecos. Os do Grove superaron por apenas un par de centésimas ao cuarto clasificado, Perillo, mostrando un nivel moi inferior ao que exhibiron na regata presentación da Liga, celebrada a fin de semana anterior en Cangas.
Malia este resultado, Mecos segue líder da Liga B ao sumar 16 puntos nas dúas probas disputadas ata o momento. Os mesmos puntos ten Bueu, mentres que cun menos se coloca a gañadora desta segunda regata, Coruxo. Cuarto é Perillo, con trece puntos.
Relacionadas:
-
Samertolameu volve derrotar a Amegrove en Redondela; Mecos, máis líder na Liga B
Por Redacción |
-
Máxima igualdade na Liga B de traíñas: Mecos e Coruxo, líderes; Perillo e Bueu, a dous puntos
Por Redacción |
-
O Grove recupera a Bandeira Virxe do Carme de traiñeiras tras doce anos sen celebrarse
Por Redacción |
-
Sanxenxo prepárase para unha dobre sesión de traiñeiras coa Liga Galega e a Liga San Miguel ACT
Por Redacción |
-
Comeza a Liga Galega de Traiñeiras cun segundo posto para Amegrove; Mecos gaña a proba B
Por Redacción |