Víctor Riobó proclámase, por terceiro ano consecutivo, subcampión de España de milla en ruta
Por Redacción
A tan só un segundo quedou o atleta pontevedrés Víctor Riobó de proclamarse campión de España de milla en ruta, na proba que se disputou este sábado na localidade canaria de Breña Baja. Nunha carreira moi disputada, o corredor marinense -actualmente nas filas do Club de Atletismo Santiago- finalizou en segunda posición.
O triunfo foi para o valisoletano Álvaro Rodríguez (AA Valdemoro Go Fit), que parou o crono en 4:26, fronte aos 4 minutos e 27 segundos que empregou Víctor Riobó. Terceiro foi o atleta local Samuel Benito Chávez (Realejos-CajaCanaria) con 4:29.
Con esta medalla de prata, Riobó repite o resultado que logrou neste campionato nos dous últimos anos. Ademais, foi campión de España en 2012.
En mulleres, a grande especialista dos últimos anos Solange Andreia Pereira (Valencia Terra i Marzo), logrou o seu cuarto título consecutivo. A portuguesa, afincada na provincia de Pontevedra, logrou un tempo de 5:24 e prosegue a súa xeira vitoriosa no que vai de tempada, pois xa logrou o título español de 1.500 metros en pista cuberta o pasado mes de febreiro en Antequera.
Impúxose claramente en meta a Beatriz Valiente (At. San Sebastian) con 5:27, sendo terceira Lidia Campo (CA Valladolid-U.Va) con 5:28.