O Peixe Galego presenta sobre a bucina os avais para competir en LEB Prata
Por Redacción
A última hora, na prórroga e sobre a bucina pero o Marín Peixe Galego segue sendo equipo da Adecco LEB Prata, categoría de bronce do baloncesto nacional.
Este luns expiraba o período extraordinario dado pola Federación Española para regularizar a inscrición na competición, e non foi ata pouco antes do peche dese prazo cando o Peixe presentou os avais esixidos.
Dos 15 equipos con dereito deportivo na categoría, só o Peixe Galego e o Baloncesto Fuenlabrada encontrábanse aínda no limbo.
Así pois, a falta de confirmación oficial por parte da Federación Española, o club de Marín competirá por terceiro ano en LEB Prata tras a súa gran última tempada, pero aínda debe dar importantes pasos como a busca dun patrocinador que cadre o presuposto e a confección dun plantel que sufrirá importantes cambios.
A expensas de coñecer que sucede no caso do Fuenlabrada, acompañarán o Peixe Galego na Adecco Prata: Xuven Cambados, Zornotza, Morón, Granada, o filial do FC Barcelona, El Bulevar, CB Tarragona, Clínicas Rincón, El Olivar, Lucentum Alicante, Ciudad de Valladolid, Sammic e Araberri.