Leve respiro do Ribadumia tras golear (3-0) ao Silva
Por Redacción
Por fin. Despois de catro derrotas consecutivas e oito xornadas sen coñecer a vitoria, o Ribadumia puxo fin á súa mala xeira de resultados que lle levaban a unha delicada situación no último posto da táboa, e fíxoo de forma convincente, goleando a Silva nun partido que resolveu moi pronto o cadro local.
Certo é que a gran maioría das derrotas do equipo de Sierra producíronse pola mínima, e en todas elas o equipo aurinegro viuse penalizado pola súa falta de acerto ante a portería rival, o que daba esperanzas de que o rumbo podía cambiar en calquera momento, e fíxoo fronte ao equipo coruñés, que se presentou na Senra como unha das revelacións da tempada, capaz de gañar, por exemplo, no sempre complicado escenario de O Roxo ao Cerceda.
O Ribadumia foi efectivo esta vez e ademais conseguiu romper o partido con dous goles dos chamados psicolóxicos, o primeiro no último minuto do primeiro tempo, por medio de Hugo Jiménez, e o segundo aos catro minutos da continuación, obra de Julio Rey.
Co partido encarrilado, cando se cumpría a hora de xogo Changui non quixo faltar á súa habitual cita co gol, facendo o terceiro e definitivo, que deixaba ao equipo coruñés sen capacidade de resposta.
Relacionadas:
-
As expulsións lastran ao Ribadumia ante o Galicia Mugardos (1-1)
Por Redacción |
-
Osíxeno para o Ribadumia coa súa vitoria (1-3) en Negreira
Por Redacción |
-
A síndrome dos últimos minutos volve atacar ao Ribadumia en Redondela (2-1)
Por Redacción |
-
Pacheco, Cardeñosa e Adrián Camiño, coa Selección Galega na Copa de Rexións UEFA
Por Redacción |
-
O Ribadumia deixa escapar os puntos ao permitir a remontada do Barbadás (1-2)
Por Redacción |