Alberto Salcedo, atleta da Gimnástica: "hai detalles que che din que este club é diferente"
Por Diego Espiño
Corría a tempada 2008/2009 cando Alberto Salcedo aterrou na Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Non sospeitaba por aquel entón que el, un atleta sevillano con gran proxección, acabaríase atopando tan cómodo nun club que camiña cara aos 90 anos de historia e no que logrou importantes éxitos, dentro do equipo de División de Honra masculina e tamén a nivel individual, chegando a proclamarse campión de España de 200 metros.
- Chegaches á Gimnástica moi novo, cales foron as túas primeiras impresións ao fichar?
Estaba no Playas de Castellón, era moi mozo. A min o que máis me sorprendeu é que era un club moi familiar, moi próximo. A verdade desde o primeiro día sentes que coñeces a todo o mundo e iso está moi ben.
- En Pontevedra tiveches a oportunidade de competir en División de Honra, foi un dos motivos para aceptar a proposta do club?
Si, porque por exemplo o Playas é un club moi grande e cando empezas a destacar un equipo grande non che leva, levan ás súas estrelas. Se tes a oportunidade de estar nun equipo que está nunha zona interesante da táboa como o Gimnástica pero non é o top, Barcelona ou Castellón, esa xente si conta contigo. A min o que me interesaba era correr, non estar nun club bo se non corro.
- Chegaches a desenvolver unha vinculación forte co equipo?
Desde o primeiro día, porque che fan sentir moi acollido. Cunha cousa que quedo é que chegamos a estar nunha liga pelexando polo título, cando era unha final a catro, e quedamos os cuartos, pero nós estabamos a celebrar na bancada coma se gañásemos e se cadra o que gañaba nin se escoitaba. Hai detalles que che din que este club é diferente.
Alberto Salcedo: "desde o primeiro día sentes que coñeces a todo o mundo e iso está moi ben"
- En todos estes anos lograches cousas importantes que son parte xa da historia do club, como a medalla de ouro no nacional de pista cuberta nos 200 metros.
Está guay saber que conseguiches a primeira medalla de ouro na disciplina para o club, ou contar co record do club. Esas cousas tamén motivan.
- Coa permanencia do equipo en División de Honra conseguida, cales son os teus obxectivos esta tempada a nivel individual?
A nivel deportivo o ano pasado dediqueime bastante porque era ano olímpico, tentei facer mínima para o Campionato de Europa e quedei preto. Este ano cambiei un pouco o chip porque estou a estudar, estou a terminar a carreira de enxeñería química e quero acabar xa. Teño ambición co atletismo pero agora mesmo estoumo a tomar máis tranquilo, polo que o meu obxectivo deste ano é terminar a gusto, e as marcas irán vindo. Despois, tentar mellorar a miña marca persoal (21.00) e ir ao Campionato de España a ver que pasa.
- Adestras habitualmente na túa cidade, Sevilla. Coa opción de poder comparar dous lugares, como ves o nivel do atletismo en Pontevedra?
Sempre hai xente en cada proba que dá a cara. A directiva aposta por xente nova e se non pode por xente veterena pero sempre hai alguén que está aí. Non somos un gran club en sentido de diñeiro, que pode ter 6-7 atletas por proba e se falla un, se temos unha baixa, nótase moito. Quizais é o que nos pasou este ano para loitar pola permanencia, pero o nivel xeral está ben. Con 90 anos o club e sobrevive, por algo será non?
Relacionadas:
-
José Luis Vidal: "na miña vida tiven dúas familias, a miña propia e a da Gimnástica"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Juan Figueiro, atleta veterano da Gimnástica: "eu vou morrer como Errol Flynn, correndo"
Por Diego Espiño |
-
Martín Brea: "Nestes tempos de PlayStation e fútbol a tutiplén é complicado atraer rapaces para o atletismo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A Gimnástica logra en Burgos a permanencia na División de Honra de atletismo
Por Redacción |
-
Ramón Touza: "creo que o futuro da Gimnástica está ben encamiñado"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |