Un punto que dá alas ao Arxil ante o GDKO Ibaizábal (66-67)
Por Sofía Lorenzo
Notouse esta fin de semana, no Polideportivo Urreta, que o Arxil quería volver puntuar na súa pelexa pola permanencia. Pola súa banda, o GDKO Ibaizábal, que derrotou con comodidade ás de Mayte Méndez o pasado mes de outubro no CGTD, non foi quen de ser superior na súa pista. Diversos erros locais, sumados ao empeño pontevedrés por afastarse da zona perigo, condenaron ás primeiras, que desperdiciaron a posibilidade de sumar os dous puntos.
Igualdade máxima durante a primeira metade do partido. Proba diso foi o resultado de 17-17 do primeiro cuarto. Con todo, a pesar de que a dinámica foi a mesma durante os dez minutos seguintes, as anfitrioas conseguiron unha vantaxe dun punto (29-28) que lles permitía irse ao descanso con superioridade, pero cunha sensación de dominio insuficiente como para relaxarse de ningunha maneira á volta.
Tras o paso polos vestiarios, as vascas aproveitaron a súa situación e impuxéronse ás arxilistas cun parcial de 24-16, que lles daba esperanzas para finalizar o encontro vencedoras. Con todo, apoiándose, unha vez máis, na catalá Gala Mestres (17 puntos), as pontevedresas espertaron no cuarto definitivo e, cun esmagador 13-23, derrotaron ao Ibaizábal por un punto (66-67).
Con outra vitoria no peto, as de Pontevedra deben centrarse agora no choque da próxima semana ante o Patatas Hijolusa, un dos pesos pesados da categoría. Nesta ocasión, o Arxil buscará o desquite no Centro Galego de Tecnificación Deportiva tras o duro correctivo que recibiron no partido da primeira volta en León.
Relacionadas:
-
Volve conseguilo o Arxil no CGTD ante un dos complicados, o Lima-Horta (73-62)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Un fantástico terceiro cuarto do Arxil condena ao Barça CBS na súa pista (69-78)
Por Sofía Lorenzo |
-
Un CGTD vestido de verde non impide a derrota do Arxil ante o Aros de León (63-78)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Arxil recibirá ao Aros de León a golpe de bufanda
Por Redacción |
-
A falta de gasolina no último cuarto condena o Arxil ante o Cortegada (60-72)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot |
-
O Arxil morre na beira ante o líder invicto, o Celta (64-76)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |