O Burela mantense firme no seu liderato tras golear ao Poio Pescamar (5-1)
Por Sofía Lorenzo
Derbi de altura o que se viviu esta fin de semana no Municipal Vista Alegre de Lugo. Nesta ocasión, o Poio Pescamar, que continúa pelexando por manterse nos postos líderes da categoría, enfrontouse ao líder da mesma (que segue cunha soa derrota en todo o curso), o Burela. Para desgraza do cadro visitante, nada puido facer para superar, ou polo menos igualar, ás lucenses, que, exerceron un duro correctivo sobre elas e quedaron cos tres puntos.
O choque comezou cun Poio moi intenso tentando presionar ante unhas anfitrioas, que, nun principio, parecía custarlles chegar á área visitante e crear ocasións perigosas. Con todo, aos poucos, foron collendo forza e, aos sete minutos do mesmo, poñíanse por diante no marcador cun tanto nunha contra de Dany Domingos, tras un roubo da súa capitá Bea Mateos.
As pontevedresas non se viñeron abaixo e, despois dun tempo morto solicitado por Dani Díaz, asustaron ás locais cun perigoso disparo de media distancia, que, por desgraza, non chegou a materializarse. As lucenses responderon. Cun tiro de Cilene desde o á esquerda sumaban o 2-0. A partir dese momento, as rojillas trataron de recortar distancia, pero sen efectividade. Despois dunha ocasión clarísima de Dani Sousa, que tampouco tivo sorte, chegaba o descanso.
A dinámica non foi distinta durante a segunda metade. Aos poucos minutos da continuación, un roubo de balón permitía a Peque plantarse ante Silvia Aguete e superala no man a man. Xa ían polo 3-0. Complicábaselle o partido ás do Poio, que a partir dese momento, optaron polo xogo de cinco en busca dun raio de luz. As do Burela aproveitaron a ocasión e, no 29', por medio de Jozi, desde cancha propia a porta baleira, aumentaron a súa renda (4-0). A falta de acerto no referente ao ataque lastraba ás visitantes nun choque que se decantaba totalmente cara ás líderes. A falta de tres minutos para o termo do mesmo, estas non desperdiciaron unha contra na que Lara, tras un pase de Dany, marcaba o 5-0.
Finalmente, no último minuto de partido un gol de falta directa marcado por Ale de Paz subía o 5-1 ao marcador e pechaba o partido.
BURELA (5): Jozi; Peque, Jenny, Lara, Luci (quinteto inicial), Dany, Cami, Bea Mateos, Popó, Alves e Cilene.
POIO PESCAMAR (1): Silvia; Jessi, Dani Souza, Ale de Paz, Jenny (quinteto inicial), Ceci, Cárol, Lidiane e Irene García.
Goles: 1-0 Dany Domingos (7'), 2-0 Cilene (13'), 3-0 Peque (23'), 4-0 Jozi (29'), 5-0 Lara Balseiro (37') e 5-1 Ale de Paz (40').
Árbitros: Novoa García e Cid Bragado, do colexio ourensano, que mostraron cartulina amarela a Ceci e Cárol, do Poio Pescamar, e a Popó, Dany e Luci, do Burela.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Vista Alegre de Lugo ante preto de 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Igualadísmo partido entre o Leganés e o Poio Pescamar con final feliz para as vermellas (0-1)
Por Sofía Lorenzo |
-
A falta de Silvia Aguete na portería debilita ao Poio ante o Penya Esplugues (3-5)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Poio Pescamar apela á súa fortaleza como local para tentar superar o Penya Esplugues
Por Redacción |
-
Tres novos puntos ante o Roldán para un Poio que pelexa polo máis alto (2-0)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Paso atrás do Poio Pescamar que se estrela ante a boa defensa do Guadalcacín (0-0)
Por Redacción |
-
Un fantástico inicio de partido permite o Poio derrotar o Móstoles na casa (3-2)
Por Sofía Lorenzo |