Conceden ao Cisne a organización da fase final do Campionato de España Cadete
Por Redacción
Pontevedra será a sede da fase final do Campionato de España Cadete Masculino de balonmán, no que estará presente o Cisne.
O conxunto pontevedrés logrou clasificarse brillantemente a fin de semana entre os 8 mellores do país, ao finalizar en primeiro posto o grupo do sector nacional celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva por diante do Atlético Valladolid, Gijón Jovellanos e Pacense.
Os pupilos de Óscar Arosa xa coñece que camiño lles agarda nesa fase final, que organizarán na casa tras o interese mostrado polo Concello e o visto e prace da Real Federación Española de Balonmán.
Será o segundo ano consecutivo que o equipo cadete do Cisne estará presente nesta selecta competición, co obxectivo de superar a oitava praza lograda hai un ano.
Os locais terán como rivais no Grupo I da fase final ao Ademar de León, FC Barcelona e Ikasa Madrid, mentres que o Grupo II compoñerano Colegio San Agustín, Granollers, Balonmano Leganés e Zarautz.
A competición terá lugar entre o mércores 29 de maio e o domingo 2 de xuño, data da gran final.