A emoción do posible ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro, tamén desde a Alameda
Por Redacción
O Peixe Galego está a un só paso de volver facer historia, e Marín vibra estes días cos nervios previos ao último e definitivo partido do seu equipo.
Os de Javi Llorente deben defender este sábado (19:30 horas) na pista do Villarrobledo manchego os 16 puntos de renda (87-71) conseguidos no encontro de ida da eliminatoria final polo ascenso á Liga LEB Ouro de baloncesto.
Trátase dunha renda importante pero non definitiva, e iso sábeo o plantel marinense, que deberá render ao máximo se quere ascender por segunda vez na súa historia á segunda categoría a nivel nacional. Sobre todo tendo en conta os precedentes da segunda fase da tempada, onde o Villarrobledo gañou na súa cancha o cadro 'peixe' por 98 a 75.
Todo apoio será importante, tanto nun pavillón albaceteño que será unha caldeira como a distancia, desde casa. Por iso, ante a expectación que levantou a cita, o Concello de Marín anunciou a instalación dunha pantalla xigante para seguir en directo o partido.
A pantalla, cuxa instalación contou co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, estará situada na Alameda, desde onde os seguidores do Peixe Galego poderán seguir a histórica xornada.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego ou o triunfo dun proxecto humilde e constante
Por Diego Espiño |
-
Marín celebra que o Peixe xa é de LEB Ouro
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Peixe pon un pé na LEB Ouro ao derrotar o Villarrobledo (87-71)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O soño do ascenso para o Peixe Galego, a só dous partidos
Por Diego Espiño |
-
O Peixe segue na loita polo ascenso tras gañar o HLA Alicante na casa (91-86)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |