Os Hispanos júnior gañan o partido ante Chile previo ao Mundial
Por Sofía Lorenzo
A Selección Española de balonmán mediuse esta fin de semana a Chile nun último encontro amigable antes do inicio do Campionato do Mundo Júnior. A proba serviu como preparación para o mesmo e deu grandes esperanzas aos nacionais ao derrotar comodamente aos chilenos.
Os Hispanos comezaron dominando o electrónico do Pavillón A Marisma de Redondela. Grazas a unha defensa 5:1 e a Adriá Martínez, que xeraba erros nos ataques chilenos, foron, aos poucos, gañando vantaxe. Isto, sumado ás diversas paradas de Kilian Ramírez e a efectividade, ofensivamente falando, de Ian Tarrafeta, os españois manexarían unha renda de catro goles antes da metade do primeiro tempo (7-3). Con todo, os rivais reaccionarían, ocasionando problemas no xogo español e colocándose perigosamente a tan só un tanto (8-7). O que obrigou a Isidoro Martínez, seleccionador español, a solicitar o primeiro tempo morto do partido, que daría aire aos seus. A partir dese momento, contando con varias boas accións individuais de Mikel Zabala, recuperaron a renda en escasos dous minutos. Así, chegarían ao descanso cun favorable 16-12 no electrónico.
Os primeiros compases da segunda parte, igual que o final da anterior. Os Hispanos continuaron aumentando a súa vantaxe, ata alcanzar unha máxima de sete tantos no ecuador (24-17). Aínda que os chilenos trataron de frear as ofensivas locais, a tarea complicábase co paso dos minutos, chegando a enfrontarse a unha renda de dez goles (27-17), que non só non reduciron, senón que non lograron evitar que engordase. Finalmente, un merecido 33-19 para os Hispanos.
Isidoro Martínez deu minutos a todos os seus xogadores co obxectivo de que cheguen en plenas condicións á cita Mundial, que comezará o vindeiro martes. O primeiro cruzamento dos españois terá lugar ás 21:00 horas ante Estados Unidos no Municipal de Pontevedra.
Relacionadas:
-
España devora a Estados Unidos no Municipal de Pontevedra (34-13)
Por Manu Otero |
-
España debuta este martes en Pontevedra no mundial júnior de balonmán
Por Redacción |
-
España xogará un amigable en Redondela previo ao Mundial Júnior de Pontevedra e Vigo
Por Redacción |
-
Á venda as entradas e abonos do Mundial Júnior de Balonmán de Pontevedra e Vigo
Por Diego Espiño |