Roldán, último escollo do Poio Pescamar cara á fase final da Copa da Raíña

Por Diego Espiño
Un só paso separa ao Poio Pescamar da fase final da Copa da Raíña, tras a súa vitoria da pasada fin de semana contra o Ourense Envialia nos oitavos de final.
A Real Federación Española de Fútbol celebrou este venres o sorteo da seguinte rolda, de cuartos de final da competición, emparellando ás vermellas co Roldán murciano, actual undécimo clasificado da Primeira División.
O duelo entre ambos, nunha eliminatoria a partido único, disputarase o 8 ou 9 de febreiro no pavillón da Seca, tendo como premio o vencedor un billete á Final a 4 de Copa que terá lugar os días 9 e 10 de maio.
O resto de choques de cuartos de final son: Leganés-Burela, Sala Zaragoza-Universidad de Alicante e Alcorcón-Atlético Navalcarnero.
A SEGUNDA VOLTA DA LIGA COMEZA CON DERBI
Tras coñecer o seu rival copeiro, o conxunto adestrado por Raúl Jiménez céntrase de novo na liga, onde este mesmo sábado (20:00 horas) estreará a segunda volta cun atractivo derbi ante o Burela Pescados Rubén diante da súa afección, na Seca.
O Poio Pescamar, que na primeira xornada da tempada cedeu na cancha lucense por 4-1, chega agora na cuarta posición que lle daría dereito a disputar o play-off polo título, un lugar de privilexio que aspira a consolidar no inicio do ano.
Sumar os primeiros puntos de 2020 non será en todo caso tarefa sinxela, pois o Burela, segundo da táboa, só cedeu ata a data un empate e unha derrota.
Salvo Antía Pérez, lesionada de longa duración, o resto do plantel vermello está dispoñible para afrontar un derbi de altos voos, e que supoñerá o regreso á que foi a súa casa de Jenny Lores e Ale de Paz, agora nas filas do equipo da Mariña.
Relacionadas:
-
Os cuartos de final da Copa da Raíña, unha cita coa historia para o Poio Pescamar
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar xógase o posto de playoff en Alcorcón
Por Manu Otero |
-
O Poio Pescamar cede na segunda metade e cae no derbi contra o Burela (3-5)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Poio Pescamar afronta un mes de xaneiro decisivo coa moral polas nubes
Por Manu Otero |
-
O Poio Pescamar derrota o Ourense Envialia e pasa a cuartos da Copa da Raíña (3-1)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Poio Pescamar derrota ao Sala Zaragoza e pecha o 2019 en postos de playoff (2-1)
Por Manu Otero |