O que lle faltaba ao Pontevedra: Charles retírase lesionado do adestramento e é dúbida para viaxar a Oviedo
Por Diego Espiño
Que non está a ser a mellor tempada do Pontevedra Club de Fútbol é unha evidencia, pero é que nas últimas semanas ao equipo granate acumúlanselle os problemas en forma de lesións.
O último en caer foi este xoves Charles, ao facerse dano nun choque cun dos gardametas do equipo e ter que abandonar prematuramente a sesión que se estaba celebrando no Estadio Municipal de Pasarón.
O atacante brasileiro, que xa se perdeu por sanción a última xornada de liga, "torceu un pé", confirmou Luisito tras a sesión, polo que a falta de diagnóstico preciso canto menos convértese en seria dúbida para o choque do próximo domingo 25 de abril no campo do Oviedo B.
"Mañá valoraremos como está", limitouse a comentar o técnico sobre unha incidencia que deixa tocada á zona ofensiva do equipo, tendo en conta que Rufo segue a arrastrar problemas musculares. Polo menos no que respecta ao madrileño "vai un pouco mellor", recoñece o adestrador granate, que conta con el para a viaxe a Asturias.
Á lista de problemas físicos engádese tamén esta semana Oier Calvillo, con molestias na zona dos isquiotibiais pero que "hoxe xa adestrou co grupo", revela Luisito.
O que aínda non chegará para a cita é Jorge Fernández, en fase de recuperación da escordadura de xeonllo que se produciu tamén durante un adestramento.
Relacionadas:
-
Empate que sabe a pouco para o Pontevedra en Oviedo (0-0)
Por Diego Espiño |
-
O Oviedo B, un filial "un pouco máis feito" que o Sporting
Por Diego Espiño |
-
A loita pola permanencia na Segunda RFEF, nun puño
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, lento e desacertado, estrélase contra o muro do Lealtad (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |