Pablo Alonso fai historia para o Froiz e coróase na Copa de España en categoría elite
Por Redacción
Pablo Alonso fixo historia para o Supermercados Froiz ao proclamarse campión da Copa de España en categoría elite. Mostrou moi boa imaxe durante toda a competición, que concluíu este sábado coa celebración da Clásica de Pascua, etapa na que o equipo conserveiro realizou moi bo traballo para que Alonso finalizase en primeira posición.
A Copa de España Elite-Sub23 na súa edición do 2021 chegou ao seu fin este sábado coa disputa da Clásica de Pascua na localidade coruñesa de Padrón. 145 quilómetros de percorrido con seis pasos puntuables de montaña no Alto do Bexo, de 3,1 quilómetros; Alto do Palleiro, de 2,1; Alto de Lampai, de 5,5; Alto de Fornarís, de 1,7 e polo que subiron dúas veces; e, por último, o Alto da Pereira, de 2,6 quilómetros e que se atopaba a tan só 10 da liña de chegada.
De saída marcouse un alto ritmo con varios ataques e movementos que, despois do paso polo segundo porto, provocou unha fuga de case dous minutos sobre o pelotón na que ía Daniel Jiménez, mantendo ao Supermercados Froiz con opcións.
Quedaba moito por disputarse e algúns ciclistas tentaban escaparse. Entre eles atopábanse Adam Ward, Pau Miquel ou Javier Serrano, pero ningún deles foi capaz de manter o ritmo e poñer distancia entre os perseguidores.
Así, tras o segundo paso polo alto de Formarís, o pelotón deulle caza aos escapados e na última ascensión ao Alto da Pereira, Pablo Alonso, Daniel Jiménez e Diego Martín Lázaro sacaron forzas para protagonizar un sprint final co que igualaron o tempo do vencedor da etapa, Ricardo Zurita ( GSport).
O equipo pontevedrés tamén se fixo co cuarto posto por equipos e cualificou a etapa como "inesquecible" ao ser a primeira vez na historia do equipo que un dos seus consegue facerse coa Copa de España, "un dos grandes obxectivos durante anos e poder dicir hoxe que se conseguiu é unha inmensa alegría".
Pola súa banda, Pau Miquel, do equipo Lizarte, proclamouse campión en categoría Sub-23 e gañador da edición 2021 da Copa de España Elite-Sub23.
Relacionadas:
-
O Froiz roza o triunfo na segunda etapa da Volta Galicia e métese de cheo na pelexa pola xeral
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz afronta unha montañosa Volta a Cantabria
Por Redacción |
-
Daniel Jiménez, do Supermercados Froiz, acaba terceiro o Gran Premio Ciudad de Vigo
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz pon fin a unha semana inesquecible cun quinto posto de Pablo Alonso na Volta Comarca Brigantina
Por Redacción |
-
Un terceiro posto final e a clasificación da montaña, botín do Froiz na Vuelta a Zamora
Por Redacción |
-
Pablo Alonso, a un paso de alzarse coa Copa de España elite
Por Redacción |
-
Pablo Alonso segue líder en categoría elite a pesar do seu décimo posto no Circuito Guadiana
Por Redacción |