O Froiz roza o triunfo na segunda etapa da Volta Galicia e métese de cheo na pelexa pola xeral
Por Redacción
Paso adiante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Volta Galicia de ciclismo na estrada.
Tras a estrea da rolda cunha contrarreloxo en Ponteareas na que se impuxo Marc Brustenga (Caja Rural), a primeira etapa en liña disputada este venres na mesma localidade pontevedresa tivo no equipo alimenticio a un dos seus protagonistas.
Nunha xornada con 143 quilómetros de percorrido, Daniel Jiménez e Ramón Fernández lograron con esforzo meterse na fuga importante do día, de 10 unidades, despois de superar a segunda dificultade montañosa.
Entre eles ía estar o triunfo parcial, e tentouno Fernández atacando con outro corredor subindo o alto de Vilasobroso a case 8 quilómetros de meta, pero foi neutralizado a 2.000 metros da chegada decidíndose todo nun reducido sprint de 7 ciclistas.
O vencedor foi finalmente Francisco Javier Agea (Gomur), con Daniel Jiménez na segunda posición e Ramón Fernández na quinta.
Con este resultado e a falta de dúas etapas máis, o propio Ramón Fernández ascende ata a segunda praza da xeral, a só 8 segundos do líder Álex Martín (Eolo Kometa), e pasa tamén a liderar a clasificación da montaña.
A noticia negativa para o Froiz foi o abandono dunha das súas principais bazas, Pablo Alonso, polo falecemento do seu avó.
Relacionadas:
-
Dobre podio para o Froiz na contrarreloxo de Baños de Molgas
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz confórmase co segundo posto por equipos na Volta a Galicia
Por Redacción |
-
Daniel Jiménez, do Supermercados Froiz, acaba terceiro o Gran Premio Ciudad de Vigo
Por Redacción |
-
Pablo Alonso fai historia para o Froiz e coróase na Copa de España en categoría elite
Por Redacción |