O Arosa golea o Ceares e reencóntrase coa vitoria (1-4)
Por Almu Dapena
Despois de oito xornadas sen gañar, o Arosa por fin reencontrouse coa vitoria esta tempada. Para iso tiveron que remontar o gol de Juancar que chegou no minuto 7 de xogo, pero Luismi e Luís Nuño, con dous goles cada un, encargáronse de obrar a goleada en Asturias.
Saíu dubitativo o equipo de Jorge Otero ao partido, buscando asentarse no terreo de xogo, un tanto pequeno en comparación ao que está afeito, e tenteando a un Ceares arroupado pola súa fiel afección e que atopou o gol aos sete minutos de xogo. O tanto se produciu a balón parado. O venezolano Manuel Meroni botou un saque de esquina ao área pequena de Manu Táboas que Juancar encargouse de enchufar para facer o 1-0.
Tocoulle remar ao contraxeito ao Arosa, que tiña nos centros desde a banda esquerda as mellores ocasións. E así chegou o empate, cun magnífico balón que puxo Porrúa ao segundo pau onde apareceu Luís Nuño para rematar a pracer e facer o primeiro gol na súa conta particular. Era o minuto 17.
Coas táboas no luminoso o Arosa deu un paso adiante para facerse co mando e empezar a saborear o gol da remontada. Roubou Luismi dentro da área a carteira ao seu defensor e centrou cara a Nuño que, despois de driblar cun gran recorte ao seu opoñente, sacou un potente disparo que Kike Martínez desviou a saque de esquina cunha boa man. Foi nese momento cando o equipo arousán obtivo o seu merecido premio co remate ao interior da portería do Ceares de Alberto Martín.
Replicaron os asturianos nos instantes finais do primeiro acto con senllos contragolpes, pero o marcador non se moveu e chegouse ao descanso cun merecido 1-2 a favor do Arosa.
Despois o paso polos vestiarios e co marcador a favor non había opción de relaxarse se querían traer os tres puntos a Vilagarcía. Dominaban os visitantes e o Ceares tentaba facer dano á contra pero sen ter case opcións.
Pero pasada a hora de xogo chegou outro xerro de auga fría para os locais. Realizou o Arosa unha transición desde a defensa, chegando o balón ata Porrúa, que abriu á banda esquerda onde estaba Julio Rey. O capitán enviou ao segundo pau onde recibiu Luís Nuño e este, que puido sacar un disparo escorado, optou polo pase da morte cara a Luismi, rematando a pracer para anotar o 1-3.
E aínda que o Ceares tratou de reducir diferenzas, obrigando a Manu Táboas a salvar os mobles ao seu equipo, foi o Arosa o que sentenciou cando se alcanzaba o 75 de xogo. O que estaba a ser o mellor do partido, Luís Nuño, sacou un derechazo desde o bordo da área e enchufó o esférico na escuadra de Kike Martínez, imparable para o gardameta que non puido facer nada para evitar o cuarto gol arlequinado.
Coa vitoria xa en bandexa, tocoulle achicar auga ao Arosa, que se mantivo firme en tarefas defensivas para asinar un importante triunfo por 1-4.
Relacionadas:
-
Traballado triunfo do Arosa sobre o Salamanca (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Arosa, a pola segunda vitoria consecutiva ante un Salamanca en problemas
Por Diego Espiño |
-
O esperado derbi entre Pontevedra e Arosa na Segunda RFEF xa ten data e hora
Por Redacción |
-
Saída vital do Arosa ao campo do Ceares asturiano: "Non estamos onde queremos, pero tampouco moi lonxe do obxectivo"
Por Redacción |
-
Excesivo castigo para o Arosa contra o Langreo (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Escaso botín para un Arosa que xogou máis dunha hora en superioridade (1-1)
Por Redacción |
-
O Arosa non pode co invicto Avilés (2-1)
Por Almu Dapena |