Miguel Román: "Estou moi contento aquí, teño un contrato de dous anos e non teño en mente cambiar de sitio"
Por Diego Espiño
A piques de cumprir os 19 anos (farao o 26 de decembro), Miguel Román deixou de ser unha das revelacións da tempada no Pontevedra Club de Fútbol para converterse en toda unha realidade.
Desde a súa entrada no equipo como titular en Luanco acumula 9 encontros consecutivos no once inicial, con actuacións destacadas que lle levaron a ser recoñecido este xoves co Premio Estrella Galicia ao mellor xogador granate do mes de novembro.
"Estou a ter minutos, estou a xogar titular... É algo co que non podía soñar, non teño ningunha queixa", asegura o centrocampista de Gondomar, que co paso das xornadas vai mellorando incluso as súas prestacións.
"O primeiro partido co Marino xogaba a dous toques, sen complicarme a vida, e agora que teño un pouco máis de confianza tento soltarme máis e xogar máis cara a adiante, tentar saltar unha liña de pase, facer unha parede...", explica sobre o seu rol no equipo pontevedrés revelando que o adestrador, Ángel Rodríguez, pídelle "que primeiro vexa polas miñas costas e defensivamente e se nos atopamos ben aí podo xa ofrecer ofensivamente".
A súa explosión na Segunda RFEF no posto de pivote defensivo, nunha praza tan complicada como a de Pasarón, fixo que moitos virasen os seus ollos cara a Román, que o pasado curso aínda competía co Choco na División de Honra Xuvenil. Con todo, con contrato asegurado a próxima campaña cos granates prefire centrarse no día a día, sen mirar máis aló. Así o asegurou en declaracións a PontevedraViva: "Eu vivo o presente, o que teña que vir despois que veña. De momento estou moi contento aquí, teño un contrato de dous anos e non teño en mente cambiar de sitio".
Mentres tanto móstrase agradecido ao apoio recibido do club e tamén dunha afección que "desde o primeiro día que cheguei que case ninguén me coñecía xa me estaba apoiando". Todo iso soñando co día de celebrar o seu primeiro gol en Pasarón. "Non estaría mal a verdade, e que fose canto antes, pero primeiro as costas e a defensa e despois o ataque", asegura coa lección ben aprendida.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Os tempos escuros do Pontevedra nos noventa, un exemplo de "Resistencia"
Por Manu Otero |
-
Sen confianzas na visita do pechacancelas Ceares a Pasarón: "Queremos ser primeiros canto antes"
Por Diego Espiño |
-
Samu Santos, na 'pole' para substituír o sancionado Churre
Por Diego Espiño |
-
A enfermería do Pontevedra suma a Oier Calvillo pero espera baleirarse para a primeira xornada do ano
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez: "Charles es diferente a todos los jugadores de la categoría"
Por Redacción |
-
Charles culmina de penalti no 89 unha traballada remontada do Pontevedra en Langreo (1-2)
Por Diego Espiño |
-
Miguel Román oposita a revelación no Pontevedra: "Se me din isto no verán non o creo"
Por Diego Espiño |