Charles exponse a unha posible sanción de 4 partidos pola súa expulsión fronte ao Llanera
Por Diego Espiño
A derrota do Pontevedra Club de Fútbol no campo do Llanera supuxo un duro golpe para o cadro granate, que se distancia a 6 puntos do liderado e volve a non depender de si mesmo na pelexa polo ascenso directo tras só sumar un triunfo no últimas cinco xornadas de liga.
Os de Ángel Rodríguez teñen traballo por diante para tentar recuperar canto antes a súa mellor versión, aínda que deberán afrontar outro contratempo inesperado, a previsible ausencia dun dos seus homes de referencia como é Charles Dias de Oliveira.
O dianteiro brasileiro foi expulsado en terras asturianas, o que xa de seu faríalle perderse a próxima xornada ligueira na visita da Gimnástica Seogiava a Estadio Municipal de Pasarón, pero é que a redacción da acta arbitral fai temer nunha grave sanción para o pichichi da categoría. O colexiado do encontro, o rioxano Roberto Jiménez Olano, sinalou no seu escrito que Charles foi expulsado por vermella directa no minuto 84 por "encararse comigo de forma agresiva en varias ocasións e gritándome mentres protestaba unha das miñas decisións".
Esa redacción, en especial a referencia á discusión "de forma agresiva", fai que mirando ao que sinala o Código Disciplinario da Real Federación Española de Fútbol todo apunte a un castigo de entre 4 e 12 partidos, sendo de esperar a sanción mínima dentro deste rango ao non ser o granate reincidente neste tipo de condutas.
Será o Xuíz de Competición o que tome a decisión o vindeiro mércores día 9, pero dado o escrito arbitral é previsible que se acolla ao artigo 94 do mesmo, que sinala que "insultar, ofender ou dirixirse en termos ou actitudes inxuriosas ao árbitro principal, asistentes, cuarto árbitro, directivos ou autoridades deportivas, salvo que constitúa falta máis grave, sancionarase con suspensión de catro a doce partidos". Tamén os artigos 95 e 96, que regulan coaccións, ameazas e violencia leve cara aos árbitros e aos que podería acollerse o Xuíz, establecen unha sanción da mesma duración.
De confirmarse o castigo de 4 encontros, Charles perderíase ademais a visita da Segoviana a Pasarón a saída ao campo do Coruxo e dous duelos que poden resultar clave, como o choque ante o líder Unión Adarve na casa e a saída ao campo do terceiro clasificado, o Navalcarnero.
Relacionadas:
-
Goleada balsámica do Pontevedra fronte á Gimnástica Segoviana (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
O momento de Rufo: "Esperamos que demostre o importante que é para o equipo"
Por Diego Espiño |
-
Diego Seoane pide un voto de confianza no Pontevedra porque "entre todos ímolo sacar"
Por Diego Espiño |
-
A sanción para Charles queda en dous partidos
Por Diego Espiño |
-
Redución no prezo das entradas e promoción a socios para recibir á Gimnástica Segoviana
Por Redacción |
-
O Llanera reduce ao Pontevedra (1-0)
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra reduce a carga dos seus adestramentos para que o equipo volva voar
Por Manu Otero |