Desestimado o recurso do Pontevedra pola segunda tarxeta a Alberto Rubio na Lomba
Por Diego Espiño
O Xuíz Único de Competición da Real Federación Española de Fútbol desestimou este mércores o recurso presentado polo Pontevedra pola segunda tarxeta amarela, coa súa consecuente expulsión, de Alberto Rubio no tramo final do encontro fronte ao Arosa.
Segundo sinalou o colexiado na acta, o xogador granate foi expulsado no minuto 77 de xogo por "deixarse caer dentro da área contraria, simulando ser obxecto de infracción", unha acción polémica que marcou o duelo. De feito o Pontevedra alegou no seu escrito a Competición que "se pode ver claramente que o xogador referido non se deixa caer, senón que o rival obstaculiza coa súa perna dereita o seu avance, sendo imposible para este manter a verticalidade e non existindo por tanto vontade de enganar ao árbitro".
O Xuíz, aínda que recoñecendo que as imaxes mostran unha entrada dun xogador do Arosa, considera que non se trata dun "erro manifesto grave", único suposto no que podería cambiar unha decisión do colexiado. Nesta acción en concreto "o árbitro interpretou como simulación, máis aló de que efectivamente o defensor estendese a perna", razoa na súa resolución o responsable de Competición.
"En todo caso, a valoración que efectúa o árbitro en asuntos como o da eventual simulación por un xogador, correspóndelle, en exclusiva, ao colexiado, pois a existencia de intencionalidade na simulación dunha caída, é unha cuestión do seu ámbito persoal e subxectivo", completa na súa explicación.
Desta forma, ao manterse a segunda amoestación, Rubio cumprirá un encontro de sanción o vindeiro domingo na visita do Langreo a Pasarón, algo que tería sucedido igualmente pero ao contrario do que pasaría se prosperase o recurso, reincorporarase con 4 tarxetas no seu haber, a unha por tanto dunha nova suspensión.
Con el serán cinco os futbolistas do Pontevedra apercibidos de sanción, ao manterse Alberto Rubio nunha lista na que tamén figuran Charles, Brais Abelenda, Churre e David Soto.
Relacionadas:
-
O Pontevedra recupera o liderado cun triunfo merecido e sufrido fronte ao Langreo (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Ángel Rodríguez ten claro o substituto de Rubio fronte ao Langreo: "Agora o que fai falta é que ese xogador se reivindique"
Por Diego Espiño |
-
Brais Abelenda vese máis anos no Pontevedra: "Se as cousas van ben esperemos seguir aquí"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra repite promoción para recibir o Langreo, cunha invitación de balde para cada socio
Por Redacción |
-
Álvaro Cortés engrosa a enfermería do Pontevedra por "un problema muscular no abdutor"
Por Redacción |
-
Alberto Rubio, sanción segura aínda que prospere un recurso do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez: "Este árbitro pitounos na casa, equivocouse e a sensación que che dá é que quere compensar"
Por Diego Espiño |
-
Empate insuficiente para Arosa e Pontevedra nun derbi de alta voltaxe (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |