Oier Calvillo: "El domingo fui feliz, no puedo pedir más"
Por Manu Otero
Oier Calvillo leva dúas tempadas en Pontevedra nas que as cousas non lle estaban saíndo tan ben como el e a afección esperaba. Pero, por fin, despois de moito traballo tanto físico como mental, a situación deu o xiro que todos en Pasarón agardaban. Que o balón entrase é o de menos, o importante é que Oier recuperou o sorriso. "O domingo fun feliz, non podo pedir máis". É o mellor resumo.
E é feliz porque o balón volveu facer o que mandaban as súas botas, porque os seus compañeiros o buscaban, porque el ofrecíase, porque o adestrador e todo o corpo técnico confían nel e porque a afección, que por momentos chegou a dubidar del, soubo devolverlle todo o agarimo que Calvillo merece.
"Foi moi bonito todo o que pasou, todo o agarimo que recibín. Independentemente de como saíu o gol ou o bo partido que fixen, quédome con como sentín eu mesmo dentro do campo. Puiden gozar, ser eu mesmo e quitarme todos os medos que teño", relata co corazón na man.
Recoñece o extremo guipuscoano que atravesou un inferno nos dous anos que leva na Boa Vila. A bitola de xogador con potencial de Primeira División coa que aterrou en Pasarón non lle favoreceu, as súas expectativas, tampouco. E moito menos a pésima tempada realizada polo equipo o curso pasado. Ese cóctel minou a moral dun xogador que, lonxe de tirar a toalla, apartouse dos focos e centrouse no seu traballo para volver con máis forza.
"Estes dous anos houberon momentos nos que foi ben, pero para min foi difícil xestionar todo iso. Eu cando vin autoimpúseme unhas expectativas e vía que non estaba a chegar a elas. Iso levoume a empezar a dubidar sobre min e cando non crees en ti, aínda que queiras dar o 100 %, transmítelo á xente. Por iso entendo que a afección estivese frustrada e sentise un pouco de rabia cara a min", recoñece con humildade.
"Unha cousa leva á outra. Que eu non me vexa ben, fai que a xente che aperte para que espabiles. É como un círculo vicioso", relata. Por fortuna e coa axuda de toda a súa contorna, Oier soubo saír desa espiral. "Tiven que aprender a vivir con esa situación e ir aos poucos dándolle a volta, así que estou contento por iso", afirma satisfeito.
Aínda hai moito traballo por facer, pero o Oier de agora é outro. "Agora é cando estou a empezar a gozar de todas as cousas boas que ten o club, a cidade e toda a contorna que me rodea", confesa.
Unha pequena parte da responsabilidade do xiro que deu a situación tena ese breve paseo de 55 metros que Oier deu o pasado domingo por detrás da portería do Fondo Norte de Pasarón despois de ser substituído. "Non me esperaba para nada que a xente se achegase, abrazáseme. Sentinme moi querido, moi valorado. Só teño palabras de agradecemento, pónseme a pel de galiña de volver pensalo", revive o atacante vasco.
Quedan tres partidos e, por fin, o fútbol empeza a sorrirlle a Calvillo, que non está disposto a deixar pasar a oportunidade e xa lle dá igual xogar ata de lateral. "Estou a atoparme ben, moi cómodo nos adestramentos. Síntome outro xogador e no campo estou a sabelo reflectir. Os minutos que me está dando o míster, sexa de lateral, de extremo ou do que me toque, aínda que non sexa o meu posto natural, con que eu me atope ben e estea cómodo, axúdame a xogar ben en cada momento e en cada situación do partido", explica con sinceridade.
O bo momento que vive tanto a nivel particular como colectivo levouno mesmo a soñar co ascenso. E aínda que primeiro hai que gañar ao Ceares, no vestiario todos teñen claro o día no que lles gustaría celebrar o ascenso: o 8 de maio. "Sería espectacular. Se preguntas no plnatel como nos gustaría que fose o ascenso todo o mundo diría o mesmo. Sería precioso, espectacular", di sobre unha hipotética vitoria sobre o Salamanca que significase o ascenso matemático.
Aínda que está centrado unicamente en terminar a tempada da mellor maneira posible e conseguir o obxectivo, admite Oier que "é inevitable non pensar no futuro. Somos humanos e pensar no futuro é parte do mecanismo da nosa mente. Pero non lle quero dar moitas voltas. Trato de centrarme en acabar a tempada e logo valorar as cousas que poidan xurdir", sinala.
Continuar en Pontevedra é unha opción real. "É un sitio no que non me importaría seguir vivindo porque me adaptei, estou cómodo", recoñece coa idea de pospoñer a decisión ao mes de xuño.
Mentres tanto, prefire manter o foco no día a día do equipo e no partido do sábado. "O do Ceares é un partido perigoso aínda que non se están xogando nada. É perigoso por nós mesmos. Este partido si que o podemos perder nós senón estamos centrados e non facemos as cousas como deberiamos", advirte.
No Unión Adarve prefire non pensar despois dun pulso que durou moitos meses. "Antes eu pensaba que nos afectaba animicamente o poder posicionarnos como primeiros se eles picaban, custábanos crérnolo. Pero nos últimos meses, o equipo está doutra maneira. Temos a seguridade de que facemos moi ben as cousas e que cremos en nós. Agora todo depende de nós, se facemos o noso traballo imos quedar primeiros", resolve.
Agora que xa sabe o que é marcar nesta tamporada, conseguir o gol do ascenso, "sería a hostia". O pasado domingo conseguiu un ao máis puro estilo Rufo. "Comentoumo. Díxome: 'que gusto ter un balón así, poder rematalo dese xeito. Que ben o fixeches'. Foi gracioso ese comentario", desvela Oier entre risas a conversación que mantivo co nove granate tras o partido.
El quítalle mérito ao remate. "Para min o 90 % do gol foi de Álex, que puxo un balón perfecto. Eu vin o balón aí e dixen esta é a miña, vou con todo", lembra Calvillo o momento no que se quitou de encima unha mochila cargada de pedras.
O abrazo no que se fundiu todo o equipo, banco incluído, gardarao para sempre na súa memoria. "Foi un momento moi bonito porque cando estás a traballar todos os días e ás veces as cousas non van ben, a situación nunca se che dá favorable... Esta vez si que se deu e a xente aprecia o traballo que fas día a día. Todo iso acábase valorando e é o que máis me enche, que a xente se achegue a min e se alegren de que me saíran as cousas. Son os froitos de todo este tempo", conclúe un renacido Oier Calvillo.
Relacionadas:
-
Charles saca dun problema o Pontevedra no 87 na casa do descendido Ceares (1-3)
Por Diego Espiño |
-
Comeza a bo ritmo a venda de entradas para acompañar o Pontevedra a Xixón
Por Manu Otero |
-
Horario unificado para as dúas últimas xornadas da Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recupera o liderado cun triunfo merecido e sufrido fronte ao Langreo (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Ángel Rodríguez ten claro o substituto de Rubio fronte ao Langreo: "Agora o que fai falta é que ese xogador se reivindique"
Por Diego Espiño |