Homenaxe a Santi Ferrer polos seus 50 anos na Gimnástica: "Como adestrador, o teu soño é que algún atleta do que adestras chegue o máis alto"
Por Almu Dapena
Santi Ferrer 'pai' e a Gimnástica de Pontevedra viviron este sábado no CGTD un deses momentos que quedan gravados para o recordo tanto para o protagonista como para os presentes.
E é que o club pontevedrés decidiu homenaxear ao atleta e adestrador polos seus 50 anos no equipo e pola súa dilatada traxectoria no mundo do atletismo cun acto de recoñecemento ao finalizar o XLVI Trofeo Virxe Peregrina.
"Foi unha sorpresa que non esperaba", admitiu ilusionado Ferrer. "O 11 de febrero foi o cumpreanos e foi cando o tiñan que facer e ao tardar algúns meses non o esperaba. Os compañeiros o tiñan gardado todo ata agora".
Ligado á Gimnástica desde o ano 1972, facendo un parón entre 1976 e 1978 para irse a Madrid a facer a mili, o histórico do club recoñece que a súa carreira foi "dilatada e cunha clara progresión", onde prima "o coñecemento e aprendizaxe sobre todo no deporte e na vida".
De feito, é no deporte onde viviu momentos do todo memorables, tanto bos como malos pero que, en todo caso, serviron para aprender. Recoñece ter "centos de anécdotas" de toda a súa traxectoria, pero "sobre todo do inicio, no que pasaron moitas cousas. As primeiras son as que quedan máis gardadas".
Entre elas lembra a dun campionato autonómico no que non conseguiu un bo resultado: "de 16 atletas que estaban eu quedei de último. A partir de ahí houbo unha reacción e o seguinte ano (1976) quedei campión galego e de España". Unha xesta que, para el, "consegue que sigas facendo ou que che gusta".
É por iso que toda a súa vida pasouna ligada ao atletismo, colaborando coas federacións galegas e española, sendo adestrador persoal ou adestrador da Gimnástica e seguindo desde primeira liña o avance do deporte pontevedrés a nivel nacional.
"Estamos nun momento moi alto. Son épocas de mellora, temos dous clubs en Pontevedra poboados de atletas que están conseguindo moi bos resultados nos campionatos nos que compiten. Algo estamos facendo ben", asegura, e é que, "como adestrador, o teu soño é que algún atleta do que adestras chegue ó máis alto", algo que, na Gimnástica, están afeitos.
Relacionadas:
-
A Gimnástica pon en marcha un novo curso da súa Escola de Atletismo
Por Redacción |
-
O Trofeo Virxe Peregrina, última parada do Circuíto de Atletismo en Pista 2022
Por Redacción |
-
Os irmáns Chamosa establecen un novo récord galego nos 10 quilómetros marcha
Por Redacción |
-
Obxectivo cumprido para os equipos da Gimnástica, que selan a permanencia en División de Honra e Primeira División
Por Almu Dapena |